Stellantis saca adiante o novo ERTE en Vigo coa oposición de CIG e CUT

As xornadas de ERTE poderanse estabelecer entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022 e durante 60 días laborais, ampliábeis 15 días máis para o persoal con contrato indefinido.
Os paros na planta viguesa de Stellantis continuarán ao longo de 2022 (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
photo_camera Os paros na planta viguesa de Stellantis continuarán ao longo de 2022 (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

Stellantis sacou adiante un novo expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas organizativas e de produción ante a falta de compoñentes que está a afectar ao sector. Fíxoo co apoio dos sindicatos SIT- FSI, UXT e CCOO, que suman maioría no comité, e o rexeitamento da CIG e a CUT.

Segundo fontes coñecedoras da negociación, as xornadas de ERTE poderanse estabelecer entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022 e durante 60 días laborais, ampliábeis 15 días máis para o persoal con contrato indefinido.

O expediente aplicarase unha vez esgotada a adecuación de xornada, o día de permiso de convenio e o saldo dispoñíbel na 'bolsa de horas'. Tamén se poderá acceder a esta medida unha vez consumidas 20 xornadas de inactividade.

SIT- FSI, o sindicato maioritario, decidiu dar o visto e prace á proposta final da empresa, trasladada tras ter en conta "a incerteza existente de cara ao ano 2022" e a recollida da "maior parte" das solicitudes realizadas á proposta da empresa, así como "a súa última achega en canto a compromiso en materia de emprego" pedido por esta central sindical.

Pola súa banda, UXT valorou que o ERTE "dea protección a todos os traballadores con contrato indefinido" e "un mínimo de cobertura" aos eventuais, a voluntariedade da realización de sábados e que a bolsa de horas estabelecida para as quendas de noite e fin de semana conte con "limiares de funcionamento semellantes ao dos da bolsa de día". 

CCOO aceptou o acordo após incluír os contratos a tempo parcial "por primeira vez nun expediente por razóns organizativas e produtivas". Considerou "un mal menor" a obrigatoriedade de gastar 20 para iso días da bolsa plurianual.

Votos en contra 

Pola súa banda, a CUT opúxose a unha medida que "só beneficia á empresa" e criticou que non se regulen os avisos previos para suspender a actividade e a negativa da dirección "a reducir a carga de traballo para minimizar o impacto das medidas".

Na mesma liña, CIG rexeitou asinar o ERTE e acusou á empresa de cargar sobre os traballadores a tempo parcial unha bolsa de horas "'sine die'". Tamén culpou a dirección da planta de optar polo ERTE no canto de "reducir as cargas de traballo e reestruturar quendas".

Comentarios