A planta de Stellantis de Vigo realiza este domingo unha nova parada do sistema por falta de subministración

A dirección daba por feito, esta semana, que haberá que negociar un novo Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE)
Un operario traballa na planta de Stellantis en Vigo: Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press
photo_camera Un operario traballa na planta de Stellantis en Vigo: Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press

Os problemas de subministración de material seguen a crear problemas na factoría que o grupo Stellantis (antes PSA Peugeot Citroën) ten en Vigo. A planta suspenderá a actividade das quendas no sistema 1 durante este domingo por falta de subministración -segundo informa Europa Press-, nunha nova parada que se suma ás múltiples que tiveron lugar desde principios de ano por falta de compoñentes que serven provedores afectados pola 'crise dos microchips'. O sistema 1 correspóndese co que fabrica o Peugeot 2008 e as berlinas. 

Esta falla de subministración será, segundo apuntan fontes do sector, unha constante nos vindeiros meses

A crise dos microchips xa provocou nos meses pasados fortes críticas dos sindicatos á dirección pola xestión que está a facer dos paros derivados da falta de subministración. 

Esta falla de subministración será, segundo apuntan fontes do sector, unha constante nos vindeiros meses. Mais malia estes impeitizos, o grupo Stellantis obtivo un beneficio de 6.926 millóns de euros no primeiros seis meses do ano, fronte ás perdas de 1.234 millóns de euros que presentou no mesmo período de 2020. Os analistas prevén que o grupo resultante da fusión de PSA e FCA continúe na senda dos beneficios millonarios.

Esta mesma semana a dirección da planta de Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) daba por feito que haberá que negociar un novo Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para afrontar as incidencias na produción derivadas desta crise de falta de materiais.

O director da factoría, Ignacio Bueno, aseguraba que a previsión é que eses problemas de aprovisionamento de compoñentes se prolongue "a principios do ano que vén".

Comentarios