Sobe o paro rexistrado en novembro

Galiza é o segundo territorio onde se rexistra un incremento maior con 3.066 persoas máis, mentres no conxunto do Estado español baixa (-27.071).

O Ministerio de Traballo publicou esta cuarta feira (2 de novembro) os dados do paro rexistrado correspondentes ao mes de novembro.

Segundo o goberno español Galiza sitúase como o segundo territorio onde máis se incrementou o número de persoas desembregadas (3.066), só por baixo das Illes Balears, fronte a unha redución no conxunto do Estado español de 27.077 persoas.

En termos relativos trátase dun incremento do 1,38% a respeito do mes de outubro e descende en relación ao ano anterior no mesmo período, cando se rexistrou o 9,44% máis.

Por provincias, o paro só descende en Ourense (-849) e Pontevedra (-241) ficando en 25.082 persoas e 89.496, respectivamente. Lugo (22.391) e A Coruña (88.189) aumentan.

Menos da metade das persoas desempregadas (225.158) perciben algún tipo de prestación

Por sexos, as mulleres continúan a encabezar as cifras de desemprego, atinxindo 122.449 fronte á 102.709 homes.

Os sectores que rexistran maiores cifras de paro son os servizos (144.366) e a industria (27.534), seguidos da construción (26.046) e a agricultura (8.770).

Os contratos que se crearon no último mes ascenden a 68.070, o 12,72% menos que en outubro e o 16,75% máis na variación interanual. Porén, a temporalidade mantense en taxas moi elevadas, sendo que de todos eles 62.791 eran de carácter temporal. Fronte a apenas 5.279 contratos indefinidos.

Na Galiza, actualmente menos da metade das persoas desempregadas (225.158) contan con algunha prestación por desemprego (108.361).

Comentarios