sábado 04.04.2020

O SLG comeza unha campaña para reivindicar un rural galego tamén para a mocidade

O Sindicato Labrego Galego (SLG) lanzou unha campaña que, co lema "O rural galego sobre a mesa", tentará visibilizar, desde 26 de febreiro até 17 de marzo, a problemática que vive o agro galego en xeral e a mocidade que quere vivir del en particular.
Presentación da campaña do SLG (Nós Diario).
Presentación da campaña do SLG (Nós Diario).

"O rural galego sobre a mesa" é un dos lemas que escolleu o Sindicato Labrego Galego (SLG) para a campaña que iniciou este 26 de febreiro e até 17 de marzo, para visibilizar a problemática que vive o agro galego en xeral e a mocidade que quere vivir del en particular. O primeiro obxectivo que propoñen é estabelecer un diálogo coa sociedade para transmitir a importancia de consumir alimentos de calidade que implicaría beneficiar a saúde, manter un medio rural con xente e defender a propia biodiversidade. 

"Queremos denunciar o retroceso na Galiza en termos de seguridade e soberanía alimentaria", explica a Nós Diario a secretaria xeral do sindicato, Isabel Vilalba, "cada vez temos máis alimentos de importación nas nosas mesas, algúns deles mesmo producidos con praguicidas que hai anos están prohibidos na Unión Europea", engade. Explica que o lema da campaña indica que esta problemática ten que estar no lugar de discusión política e formar parte dos diferentes programas electorais para as vindeiras eleccións. Neste sentido Vilalba afirma que este tema “non está na mesa do Ministerio", en referencia ás medidas adoptadas onte en consello de ministros. Denuncia, tamén, que nunca se convocou na Xunta da Galiza o grupo de traballo para a vindeira Política Agraria Común (PAC). "Serán axudas para un período de cinco anos das que non sabemos nada e nas que semella que queda fóra a mocidade que vive e traballa no rural".

A mocidade quere seguir no rural galego

Na presentación da campaña  participaron, ademais de Isabel Vilalba, dúas representantes da mocidade do SLG. Sonia Vidal, produtora de carne na Xunqueira de Ambía, denunciou a situación do relevo xeracional polo pouco apoio "real" que hai na actualidade á xuventude. Demandou avances en políticas de igualdade, coa aplicación da Lei de Titularidade Compartida, para que as mulleres "que seguen traballando sen cotizar e sen ver recoñecidos os seus dereitos laborais, poidan facelo".

Santi Rodríguez, labrego de Cartelle, remarcou que se debe "falar máis de agroecoloxía que de ecoloxía", en relación a moitos produtos que se venden con esa etiqueta, algúns importados, e "centrarse máis na maneira en que se produce".

Propostas da campaña

A campaña do SLG conta cun segundo lema moi significativo que afirma que "Se a aldea non planta, a cidade non xanta". O decálogo de medidas que contén exixe unha garantía de prezos dignos para as persoas produtoras na Lei da Cadea Alimentaria. Ademais propoñen que o Goberno español rexeite o acordo comercial da Unión Europea con Mercosur e faga unha aposta clara pola agroecoloxía. Outra destas medidas é a de protexer a terra agraria na Galiza. Isabel Vilalba lembrou que agora representa 21%, "unha das porcentaxes máis baixas a nivel estatal e europeo".

En relación á PAC, o SLG denuncia que na Galiza hai máis persoas que cotizan á seguridade social agraria (29.013) que perceptores de axudas da PAC (27.117). Por este motivo animan a "redistribuír os fondos entre as labregas e labregos que realmente traballan a terra". Por último reclaman medidas  de apoio ao relevo xeracional. Propoñen axudas directas para a incorporación da xente moza  e que a transmisión de granxas dun titular a outro estean exentas de tributar.    

comentarios