A sinistralidade laboral repunta na Galiza: a media xa é de 76 accidentes que xeran baixa cada día

Entre xaneiro e marzo rexistráronse na Galiza un total de 6.857 accidentes laborais que implicaron baixa.
Durante o ano 2021, 53 persoas traballadoras morreron por accidente laboral na Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera A incidencia media na Galiza é de 4,84 sinistros con resultado de morte por cada 100.000 persoas traballadoras. (Foto: Europa Press).

Un operario de 24 anos resultou ferido grave esta quinta feira tras sufrir unha descarga eléctrica mentres traballaba na vía férrea perto da estación de Redondela (comarca de Vigo). Caeu desde a plataforma na que traballaba, a uns oito metros de altura, sobre a vía. Non foi o único sinistro laboral que esta quinta feira aconteceu na Galiza mais si dos máis graves. Os accidentes no traballo repuntaron 9% no primeiro trimestre do ano.

Entre xaneiro e marzo rexistráronse na Galiza un total de 6.857 accidentes laborais que implicaron baixa, unha media de 76 por día. A cifra supón un aumento de 9% respecto do número de sinistros laborais do primeiro trimestre do ano pasado: 6.287. En ambos os dous casos, os accidentes leves representan a maioría destas incidencias.

Deses 6.857 sinistros que se rexistraron en xaneiro, febreiro e marzo pasado, a maioría foron na xornada laboral, mentres que 710 tiveron lugar 'in itinere' —durante o desprazamento cara a ou desde o lugar de traballo—. 

Houbo neses tres meses 6.726 accidentes tipificados como leves —mais que implicaron baixa laboral—, 117 graves e 14 con resultado de falecemento do traballador ou traballadora. Cales son as actividades económicas que acumulan na Galiza maior número de accidentes laborais en xornada? Segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social é a industria manufactureira, con 1.493 sinistros con baixa no primeiro trimestres do ano, case 1 de cada 5. A continuación figura a construción, con 967 accidentes en xornada laboral; e comercio e reparación de vehículos, con 811. 

As actividades administrativas e de servizos auxiliares rexistraron 531 sinistros durante eses tres meses; as actividades sanitarias e de servizos sociais 442 e a actividade de agricultura e pesca, 417.

Esta repunta de 9% na sinistralidade laboral só durante os primeiros tres meses de 2024 vén a se sumar ao incremento de 7,1% que os accidentes laborais rexistraron na Galiza durante 2023 a respecto do exercicio anterior, 2022. O ano pasado rexistráronse 27.274 accidentes que xeraron baixa na xornada laboral, dos cales 50 foron mortais, 364 graves e os 26.860 restantes foron de carácter leve.

Moi por riba da media estatal

Despois da contención nas cifras rexistradas no ano 2022, cando se produciron 589 accidentes laborais menos que en 2021, a sinistralidade volveu aumentar en 2023, tanto en termos absolutos como no tocante ao índice de incidencia, que ten en conta o número de accidentes sobre o total da poboación traballadora, que creceu 5,14%.

Segundo os datos do Ministerio de Traballo, a Galiza foi ese ano a sexta comunidade con máis accidentes con baixa na xornada laboral, aínda que o seu posto no ránking subiu ao quinto en número de accidentes con resultado de morte, con doce persoas máis falecidas que no territorio situado en sexto lugar, Castela e León. 

A incidencia media na Galiza é de 4,84 sinistros con resultado de morte por cada 100.000 persoas traballadoras, case o dobre do índice de incidencia media do Estado español, que está por baixo de 3, en concreto en 2,92.

Comentarios