Os sindicatos mobilízanse en Vigo ante o incremento da sinistralidade laboral

A CIG, CCOO e UXT lembran as 10 mortes acontecidas no que vai de ano.
Manifestación esta quinta feira nas rúas de Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Manifestación esta quinta feira nas rúas de Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

Traballadores e traballadoras saíron onte ás rúas de Vigo para denunciar o aumento das mortes causadas por accidentes laborais. Ao final da manifestación convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UXT, gardaron un minuto de silencio en honor ao traballador e á traballadora que faleceron o 17 de febreiro nunha empresa da industria química, ao operario falecido o 29 de febreiro no sector do metal, ao que morreu o 13 de marzo na construción, ao traballador falecido o 15 de marzo tamén na construción, ao falecido o 18 de marzo no sector da madeira, ao operario que morreu o 28 de marzo no comercio do metal e ao falecido o 8 de abril na industria alimentaria, todos eles no suroeste do país.

"Este minuto de silencio é de respecto aos compañeiros falecidos e ás súas familias mais afirmamos hoxe desde aquí que en adiante non gardaremos silencio senón que alzaremos a voz ante os accidentes laborais e pelexaremos nas rúas para rematar coa precariedade", afirmaron desde as centrais sindicais. "As estatísticas actuais son inaceptábeis", denunciaron, insistindo en que no que vai de ano 2024 na Galiza faleceron dez persoas traballadoras. "En consecuencia é urxente pór en marcha medidas de acción inmediatas e sostidas no tempo", engadiron.

Neste contexto, os tres sindicatos instaron as Administracións Públicas a "pór os recursos económicos e os medios materiais e humanos para que a inspección de traballo faga o seu labor para que a lei [relativa á seguridade no ámbito laboral] se aplique de maneira efectiva".

"Só con máis organización nas empresas, con vontade política e sancionando duramente, así como fortalecendo a prevención, a vixilancia e as medidas sancionadoras en caso de incumprimentos, é como poderemos reducir de maneira significativa o número de accidentes laborais mortais e de enfermidades profesionais", concluíron.

Falecido en Barreiros

Un operario dun depósito de despezamento de vehículos faleceu onte nun accidente laboral, ao quedar atrapado entre dous coches no lugar das Eiras, no municipio de Barreiros (A Mariña). Até o lugar desprazáronse os bombeiros de Barreiros, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención. 

Á chegada dos efectivos, a vítima, atrapada entre dous vehículos, xa estaba liberada, mais falecera, certificou o persoal sanitario do 061. Ademais, tamén foi necesario asistir outros dous traballadores que resultaron lesionados no accidente.

Comentarios