Os sindicatos "vixiarán" no verán que na construción respecten as alertas por calor

A CIG lembra que podería haber actuacións penais se hai accidentes.
Un operario da construción traballando nun día solleiro nunha obra na cidade de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un operario da construción traballando nun día solleiro nunha obra na cidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)

Coa chegada do verán as temperaturas comezan a ser elevadas e imposibilitan a realización de determinados traballos. Malia que pola situación xeográfica podería pensarse o contrario, os termómetros sobrepasaron en xuño os 34 graos en varias localidades, como foi o caso de Ourense ou municipios do Val de Miño, e MeteoGaliza alerta de que o xullo e agosto poden seguir o mesmo camiño. 

Nesta situación, os sindicatos amosan a súa preocupación polo que poida acontecer en determinados sectores como o da construción. É o caso da CIG, que advirte que algunhas empresas que asinaron o convenio provincial de Pontevedra o pasado mes de maio están a incumprir a xornada intensiva durante o mes de xullo. 

O secretario comarcal da CIG-Construción de Pontevedra, Xaquín Agulla, recoñece a Nós Diario que tiveron algún problemas ao inicio deste mes, cando tiveron coñecemento de empresas “que facían xornada partida para dispor de horas extras aproveitando a luz”. Minutos antes de estabelecer esta conversa, Agulla indica que “un traballador denunciou un caso en Vilagarcía de Arousa cun abuso de horario”. Porén, o sindicalista informa que polo de agora non se demandou a presenza da inspección. 

Con todo, desde a central nacionalista consideran un éxito a implantación dunha medida  que na Galiza só está no convenio de Pontevedra (asinado en solitario pola CIG por parte sindical) que están a aplicar a maioría das compañías, mais denuncia que noutros casos fanse horas extras máis alá das catro da tarde, polo que reclama celeridade nas actuacións da Inspección de Traballo.

Actuacións penais

“Traballar durante o mes de xullo máis alá das 15 horas podería dar lugar a actuacións penais no caso de que se produza un accidente laboral”, indican tamén desde a central nacionalista.

Na UXT, o secretario xeral de UXT FICA, Javier Carreiro, lembra a Nós Diario o Decreto que aprobou o Goberno español cunha serie de medidas para protexero persoal traballador ante ondas de calor que inclúen a prohibición de desenvolver determinadas tarefas nalgunhas horas cando haxa alerta laranxa ou alerta vermella por altas temperaturas emitida pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). “É lóxico ter as mesmas medidas aquí que en Andalucía ou Estremadura polas temperaturas que estamos a padecer desde hai anos, non só co cambio climático”, sinala Carreiro.

Por parte de CCOO, a súa secretaria xeral de Construción e Servizos na Galiza, Alejandra Gesto, apunta a Nós Diario que  activaron a semana pasada a campaña que veñen desenvolvendo desde 2021."Contamos con realizar unhas 1.600 visitas ás obras durante os meses de xullo e agosto para asegurarnos de que se está a cumprir toda a normativa", asegura Gesto.

Ademais, o sindicato procurará manter reunións coas Administracións para conseguir "algo tan reclamado no sector da construción como é a implantación da xornada continua", unha proposta que non é doada en moitas ocasións "por ser totalmente incompatíbel con algunhas normativas que teñen certos municipios".

Comentarios