Mobilizacións sindicais na Galiza piden protección e saúde laboral

A CIG desenvolve accións de protesta simbólicas nas sete cidades e en Valga para exixir medidas de protección para a clase traballadora.
 
Protesta da CIG diante da empresa Freire, en Vigo (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Protesta da CIG diante da empresa Freire, en Vigo (Imaxe: Nós Diario)

28 de Abril é o Día mundial da Seguridade e saúde laboral e a Confederación Intersindical Galega (CIG) quixo reivindicar a data realizando protestos simbólicos diante de varios centros de traballo que consideran “representativos da falta de medidas de protección e dos riscos aos que están sometidas as traballadoras e traballadores”. Unha inseguridade, sinala a CIG, que se ve agravada no actual contexto de emerxencia sanitaria.

A central sindical nacionalista tamén levou as accións ás portas dos edificios administrativos da Xunta da Galiza para demandar que se obrigue as empresas a aplicar as medidas de seguridade necesarias e que se realice un control estrito do seu cumprimento.

Nese sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmou que os lugares elixidos para realizar estas accións "son unha mostra daqueles sectores onde resulta evidente a falta de seguridade: sanidade, limpeza, residencias de maiores, axuda no fogar, comercio de alimentación, sector das ambulancias, etc".

Así as mobilizacións fixéronse diante da residencia de maiores da empresa DomusVi do Barreiro, en Vigo; da residencia Concepción Areal da Coruña, tamén xestionada por DomusVi; nos hospitais Lucus Augusti de Lugo e no Clínico de Compostela, nos polígonos industriais das Gándaras de Ferrol, no do Campiño, en Pontevedra; e no do Tambre en Santiago. As protestas tamén decorreron ante o estaleiro Freire de Vigo, diante das empresas Extrugasa e Exlabesa en Valga e fronte ao edificio do Concello de Ourense, dada a crítica situación do servizo de axuda no fogar e no servizo de limpeza desta localidade.

Carril engadiu que, precisamente, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral a CIG "mobilizáse para denunciar a ausencia de medidas de protección para quen ten que traballar, que non se está a exercer un control estrito para que se traballe con seguridade ou que incluso se teñen relaxado algunhas das medidas adoptadas durante as primeiras semanas do estado de alarma, como ás relativas ás persoas especialmente sensíbeis, cuxa saúde queda en mans dos criterios do servizo de prevención contratado polas empresas”.

O secretario xeral do sindicato tamén considerou que neste momento da "desescalada", as situacións de risco “e os abusos patronais non só continúan, senón que mesmo se incrementan”. A ese respecto, Carril denunciou que as medidas adoptadas polos diferentes Gobernos desde o inicio do estado de alarma tiveron “unha maior e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da poboación”, como se evidenciou, dixo, “coa negativa a paralizar toda actividade agás a esencial nun primeiro momento, ou co reinicio da mesma tras dúas semanas de paralización, sen que se deran todas as garantías nin se corrixiran as deficiencias previas”.

Sobre o teletraballo Carril considerou que “as medidas de prevención tamén se teñen que contemplar e preservar, pois malia ser o traballo a distancia unha das medidas promovidas polos Gobernos no contexto actual, non se adoptou ningún mecanismo de control para garantir que a actividade nos domicilios se realice con todas as garantías”.

“Non podemos permitir que se siga enfrontando esta crise con políticas que empobrecen máis a maioría do pobo e poñen en risco permanente a nosa saúde, mentres o capital segue marcando as decisións, sen garantías dos dereitos humanos fundamentais, dunha protección social plena e dun emprego e salarios dignos", sentenciou Carrril.

Un Primeiro de Maio reivindicativo desde as xanelas

Con estas accións a CIG dá continuidade ás protestas realizadas a pasada semana diante dos edificios do Goberno español e galego e enmárcanse na compaña previa ao Primeiro de Maio, que a CIG conmemora baixo o lema "Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro". Aínda que este ano a celebración do Día Internacional da Clase Traballadora será diferente por mor do estado de alarma, o secretario xeral da CIG insta a “manter o carácter combativo e reivindicativo da data”, e fixo un chamaento a pendurar das xanelas e varandas bandeiras da patria e vermellas e a entoar, ás 12 do mediodía, a Internacional.

comentarios