Sindicatos piden medidas urxentes

As primeiras horas desde o anuncio do estado de alarma están a ser de incerteza entre traballadoras e traballadores do noso país polas medidas que tomarán as empresas estes días. Sindicatos como CIG e CCOO  denuncian que non hai ningún tipo de control nos postos de traballo e alertan de que moitas empresas poden aproveitar a situación no seu propio beneficio. 
Fábrica de Finsa en Compostela (Riobó Prada)
photo_camera Fábrica de Finsa en Compostela (Riobó Prada)

A declaración de alarma por parte do Goberno español e as medidas adoptadas por este e pola Xunta da Galiza no eido laboral tivo unha pronta reacción por parte dalgúns sindicatos. A primeira mañá de onte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciaba "lentitude na adopción de medidas" con posterioridade ao anuncio. Na súa opinión está provocando que as empresas "estean repercutindo nas traballadoras e traballadores o custe real de toda esta situación". Este sindicato culpa ao Goberno español de falta de previsión  e tamén á Xunta "de non ter manifestado urxencia pola situación actual".

As primeiras horas coa nova norma restritiva en vigor son tamén as dos primeiros problemas para o persoal de empresas e comercios. Desde a CIG denuncian, por exemplo, a "negativa a dotar de medios en comercios, traballadoras de axuda ao fogar e ao servizo de limpeza hospitalario".  

Esta segunda feira pasada chegaron tamén ás diferentes delegacións do sindicato nacionalista en varias comarcas galegas, segundo explica o seu secretario xeral,"“toda unha serie de suspensións temporais, a través da utilización dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), ou da imposición de vacacións, no mellor dos casos".

Para a CIG entre as medidas urxentes que se deberían tomar está a de "declarar o dereito a un permiso retribuído por cumprir un deber inescusábel como é o coidado de menores e persoas dependentes diante da declaración de estado de alarma", en relación ao peche da actividade educativa e a presenza do alumnado nas vivendas familiares.

No caso de traballadoras e traballadores "que non teñan outra opción" a central sindical propón "que se garantan a través das forzas de orde público  as medidas de prevención, para que se poida facer o traballo con seguridade". Por último desde a CIG consideran que é necesario "a adopción de medidas especiais que abaraten ou mesmo faciliten o non pago de enerxía, ante os grandes consumos que se están realizando ao estar na casa" e demandan "compensacións especiais para o conxunto de traballadoras e traballadores que están na obriga de desempeñar o seu traballo". 

Por outro lado o secretario xeral da CIG exixiu tamén do Goberno que se habilite un fondo especial qie compense esta situación, entendendo que non pode recaer nas empresas, e "sabedores de que a UE ten acordado que todo este gasto non está limitado polas restricións de gasto público. É un problema de vontade política".

CCOO denuncia un gran descontrol

"Se o persoal chega ao seu posto de traballo e non se tomaron medidas xera unha situación de incerteza", asegura a Nós Diario Victor Ledo, secretario xeral de Industria de CCOO. Desde este sindicato denuncian que non se creara un protocolo severo para medidas laborais nos centros de traballo mais alá das habituais.

"Tampouco hai un órgano institucional que vixíe polo cumprimento desas normas", apunta este sindicalista. Ledo cre que após o inicio do estado de alarma é "incomprensíbel" que pola rúa controlen á xente "mesmo con policía" para logo "chegar aos centros de traballo e ver como todas as recomendacións saltan polos aires".

As críticas de CCOO son cara a Xunta que "non está a asumir que ten que adecuar un protocolo restrinxido e vixiar que se cumpra", segundo Ledo. Desde este sindicato tamén alertan que esta situación "de descontrol" xa ten consecuencias entre as traballadoras e traballadores. "Hoxe mesmo moitas e moitos están na casa cunha decisión ilegal e ilexítima de vacacións forzadas ou cun ERTE", asegura este sindicalista.

Este sindicato activou un protocolo de actuación sindical en caso discrepancias en materia de seguridade e saúde nas empresas en relación co coronavirus e anima a traballadoars e traballadores a denunciar calquera incumprimento.

Comentarios