A patronal reclama axilizar os ERTE e suspender o pago das cotizacións

As empresarias falan dunha situación "de forza maior" polo coronavirus e exixen ao Goberno español que actúe.
 
Antonio Fontenla, portavoz da CEG (Europa Press).
photo_camera Antonio Fontenla, portavoz da CEG (Europa Press).

A Confederación de Empresarias da Galiza (CEG) urxiu ao Goberno español a tomar diversas medidas no eido económico co gallo de que as empresas poidan "manter a actividade protexendo o emprego" ante a crise sanitaria provocada polo coronavirus e a declaración do estado de emerxencia no Estado español.

Entre as medidas que propoñen desde a patronal está a de "simplificar e axilizar" os procedementos nos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) con efecto retroactivo e que se recoñeza a situación actual como unha razón de "forza maior" para a súa aplicación.

Ademáis, a CEG solicita que se suspenda a obriga de pagamento das cotizacións por parte da empresa e, para a persoa traballadora, piden que se contemple o acceso á protección por desemprego sen que estas axudas reduzan os dereitos xa acumulados. Tamen propoñen a posta en marcha dunha "liña de avais públicos suficiente" que faciliten o acceso ao crédito por parte das empresas enfocada a pemes e autónomas.

Facturas das Administracións

Outra das peticións que fan desde a confederación de empresarios é que as Administracións Públicas abonen "de inmediato" ás súas provedoras as facturas pendentes e as que reciban, sen tan sequera esgotar os prazos que contempla a Lei de morosidade. Neste senso, reclaman tamén que se aceleren as devolucións tributarias pendentes.  

Con todo, a Confederación de Empresarias da Galiza quixo trasladar ás administracións estatal e galega o seu "total apoio" pola "crise sanitaria" que está a padecer o país e o Estado español e que, segundo destacan, "demanda todo o compromiso institucional, profesional, empresarial e cívico" en xeral.

Comentarios