Os sindicatos inician as marchas do 8-M na Galiza para reclamar a igualdade de xénero

A CIG demanda "salarios e condicións de traballos dignas que permitan facer fronte á crise da suba de prezos, que afecta as mulleres de maneira particular".
Manifestación convocada pola CIG en Santiago de Compostela, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación convocada pola CIG en Santiago de Compostela, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)

As organizacións sindicais iniciaron esta cuarta feira as manifestacións e concentracións para reivindicar o Día Internacional das Mulleres Traballadoras, o 8-M, e reclamar a igualdade efectiva entre mulleres e homes. As marchas decorreron en diversos puntos da Galiza nunha xornada que, polo de agora, está a ter unha participación desigual.

A CIG tiña convocadas un total de doce manifestacións e concentracións, a partir das 11 horas, nas que as feministas sindicais saíron ás rúas baixo o lema 'A crise non a imos pagar as traballadoras'. En Santiago, a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, explicou que reivindican "salarios e condicións de traballos dignas que permitan facer fronte á crise da suba de prezos, que afecta as mulleres de maneira particular".

Antes da manifestación, que concentrou máis dun centenar de persoas e partiu arredor das 12 horas da praza Roxa até a praza do 8 de marzo, Castro apuntou que tamén demandan uns servizos públicos "que garantan poder conciliar e non ter que pedir reducións de xornada e estar en situación de desigualdade no mundo laboral".

Nesta liña, un centenar de delegadas sindicais da CIG manifestouse nunha marcha que saíu sobre as 11.30 horas do cruce da Dobrada de Vigo e rematou na confluencia de Príncipe con Colón. Nela, as participantes trasladaron consignas como "Queremos emprego, traballo xa temos" ou "Patriarcado e capital, alianza criminal".

Deste modo, o sindicato CCOO, nunha mobilización que comezou na rúa da Pasantería de Pontevedra e concluíu diante do Hospital Provincial na que apenas participaron 30 persoas, reivindicaron "a igualdade real nos centros de traballo". As manifestantes destacaron que na negociación e aplicación posterior dos convenios colectivos "a igualdade xoga un papel fundamental".

Folga estudantil

Pola súa parte, as estudantes galegas, convocadas polo Sindicato de Estudantes e Libres e Combativas, saíron ás rúas nas cidades da Coruña, Vigo e Ferrol. Ao tempo, todas as alumnas galegas estaban chamadas a facer un paro de dúas horas, entre as 11 e as 13 horas, convocado por Erguer co obxectivo de "posibilitar que as estudantes se mobilicen por un ensino feminista e non patriarcal".

Un centenar de estudantes manifestáronse en Vigo, nunha mobilización da que tamén formou parte Esquerda Revolucionaria. Así, a marcha percorreu o centro da cidade entoando consignas como "Menos represión e máis educación", "Con roupa ou sen roupa, o meu corpo non se toca", ou "Non é un caso illado, é o patriarcado".

A portavoz do colectivo Libres e Combativas, Nadia Lía Fernández, sinalou en declaracións aos medios que segue habendo motivos abondo para seguir mobilizándose porque, aínda que as mulleres crían que "conseguiran" algo após as manifestacións pola sentenza da 'Manada' e coa Lei do 'só si é si', "hai un constante cara a adiante e logo cara atrás".

A respecto diso destacou que, mentres non se cambie o "sistema" a través da Educación e se vaia máis aló de "leis punitivistas" que castigan casos de violencia machista concretos, non se conseguirá "nada". "Hai que facer o cambio de verdade, desde a Educación, para que os casos non cheguen a suceder", subliñou.

Na mesma liña, Nerea Pereira, do Sindicato de Estudantes, puxo o foco no número de asasinatos machistas, unha violencia que "segue sucedendo aínda que a queiran invisibilizar", e apuntou que a Lei do 'só si é si' foi un "avance", aínda que necesitase "axustes", e "quitala supón retroceder".

Así, en Ferrol a mobilización partía pasadas as 12 horas desde da praza de España, animando a non acudir ás aulas para protestar polo sistema que ao seu modo de entender fomenta as desigualdades. A portavoz do Sindicato de Estudantes, Ana Frade, asegurou que a educación "xoga un papel importante nesta loita, xa que ás veces existe o efecto contrario", pois ao seu entender "existen estruturas dentro dos centros de ensino que máis ben facilitan esa opresión", e que por tanto "é importante que saiamos á rúa e que ocupemos un espazo que moitas veces nos é privado".

Comentarios