Os sindicatos cuestionan o ERE do BBVA

Á espera do inicio das negociacións que comezarán esta sexta feira aseguran que o novo modelo bancario introduciría máis fechamentos de oficinas. 
Protesta da CIG diante da sucursal do BBVA na rúa García Barbón de Vigo a pasada terza feira 13 de abril (Nós Diario)
photo_camera Protesta da CIG diante da sucursal do BBVA na rúa García Barbón de Vigo a pasada terza feira 13 de abril (Nós Diario)

O anuncio dun expediente de regulación de emprego (ERE) por parte do BBVA activou a resposta sindical que xa agarda o inicio das negociacións para esta mesma sexta feira. Na Galiza esta entidade bancaria dispón dun cadro de 862 traballadoras e traballadores, a súa maior parte nas comarcas da Coruña (445), que conta coa sede territorial Noroeste, onde se inclúen, ademais da Galiza, Asturies e Castela e León. En total, a división move un volume de negocio de 45.000 millóns de euros e máis dun millón de clientes.

Jorge Villarino, de CCOO-Servizos, ve con preocupación este proceso que agora queren iniciar desde o BBVA. "Hai unha crecente presión das entidades por rebaixar custos mediante redución de persoal obviando a realidade evidente da distribución bancaria que temos", asegura a Nós Diario, "vendemos practicamente de todo nas sucursais e para iso fai falta xente", engade. 

A postura deste sindicato na mesa de negociación será a de manter as condicións do cadro de persoal, "facendo fincapé na necesidade de cualificación profesional". Villarino apunta que "os novos modelos de distribución non teñen por que representar unha perda de emprego", en todo caso sería “unha redefinición dos postos de traballo e de funcións". Buscarán "a voluntariedade" e solucións "non traumáticas" para aquelas persoas "que decidan libremente abandonar a entidade".  

Desde a sección sindical da CIG reclámase o mantemento de todos os postos de traballo e dos servizos á clientela que están a ser restrinxidos. Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG no BBVA, sinala que "non hai que esquecer que foi o persoal que agora queren despedir o que realizou un ímprobo labor durante a pandemia, e que segue a realizar a día de hoxe, dando a cara diante da clientela, a mesma clientela á que queren expulsar das oficinas, e da que collen os aforros e enchen a comisións".

Dixitalización e abandono de servizos 

Beatriz Meilán, de UXT, recoñece que a situación do persoal do banco "é semellante á de todo o sector". Fala do modelo que implica "fechamento de oficinas que se realiza dunha maneira desplanificada e sen argumentos sólidos". Pon como exemplo as grandes fileiras que se produciron ás portas das entidades financeiras. "Non é que non haxa traballo, o problema é que o propio banco non quere prestar determinados servizos", asegura Meilán a Nós Diario, polo que para o persoal continúa "unha sobrecarga de traballo".

Para esa sindicalista a verdadeira razón deste ERE é "a dixitalización e dar beneficios". Por este motivo buscan "prescindir dunha serie de servizos" que, no caso da Galiza, prexudicaría moito a unha gran parte da poboación "envellecida que non está dixitalizada e en zonas rurais con difícil acceso a internet". Neses casos, explica, ten que ser algún familiar quen "dixitalice" os trámites bancarios ou mesmo "nas propias oficinas manipulando o terminal móbil privado da ou do cliente".  

Na CIG denuncian que neste novo modelo se está a eliminar o servizo de caixa das oficinas ou restrínxese o seu horario de 8 a 11 horas. Unha medida que a central nacionalista denunciou  na Audiencia Nacional e a xustiza española desestimou. Por esta razón consideran "repugnante" o efecto laboral inmediato, co "traslado dunha parte do cadro de persoal a departamentos de traballo a distancia, que teñen incerto futuro".

Comentarios