Siemens Gamesa consuma o seu abandono do polígono das Somozas

A multinacional alemá Siemens certifica o primeiro feche de 2021 dunha gran empresa industrial na Galiza. Nin os intentos de negociación das administracións española e galega, nin as mobilizacións do seu cadro de persoal impediron esta decisión. Mentres, en Alu Ibérica chaman pola intervención. 
Protestas de persoal de Siemens Gamesa (Europa Press)
photo_camera Protestas de persoal de Siemens Gamesa (Europa Press)

Siemens Gamesa anunciaba esta segunda feira o fechamento da súa planta nas Somozas, iniciando así un procedemento de despedimento colectivo que afecta a un total de 215 traballadoras e traballadores de maneira directa, xunto a 300 máis de empresas auxiliares. Ademais, tamén procedería a fechar a súa factoría de Conca (Castela-A Mancha) que na actualidade conta cun total de 51 operarias e operarios. A nova transcendeu por unha comunicación da multinacional alemá á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e xa foi valorada de urxencia polas Administracións. 

A asemblea de persoal, realizada a pasada sexta feira tiña previsto retomar a folga indefinida diante a falta de carga de traballo e a falta de comunicación coa empresa dos últimos meses. Minutos despois de saber o anuncio, o presidente do comité de empresa de Siemens Gamesa, Sergio López (UXT), explicaba a Nós Diario que manterán unha reunión e suspendían a concentración de hoxe ás 10 horas posto que ás 9 horas tiñan previsto recibir toda a documentacióna documentación do proceso e a explicación dos motivos que dá a empresa para o seu feche. Aínda así non descartaba que houbese "máis mobilizacións" que se anunciarían no seu momento.

Fracaso da negociación coas administracións

Segundo as administracións española, galega de castelán manchega, as negociacións os últimos meses con Siemens foron contínuas. Aseguran que traballaron "intensamente", xunto ás empresas e os centros de innovación para ofrecer "un marco estable e atractivo para o investimento e a creación de emprego vinculado ás renovables, coa adopción dunha importante batería de medidas de acompañamento ao sector". 

Con todo, subliñaron que manteñen o seu ofrecemento á empresa para seguir analizando opcións de viabilidade alternativas ao peche, "tendo en conta o contexto particularmente favorábel para o sector por todas as oportunidades que ofrece a transición enerxética".

Mobilizacións e apoios para evitar o feche 

Nos meses de novembro e decembro do ano pasado, aumentaron as presións para que a multinacional non deixara o seu emprazamento actual. Concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal crearon mesmo unha comisión de traballo cos sindicatos para impedir que se consumaran os plans de deslocación da factoría. En novembro 58 membros do seu persoal eventual non puideron renovar os seus contratos e en decembro foron 24. 

Pola súa banda, os Gobernos da Galiza, Castela-A Mancha e o Estado español lamentaron e expresaron nun comunicado conxunto "o seu rexeitamento" ao anuncio da multinacional de fechar as súas plantas "nun momento de expansión do sector no Estado español". As tres administracións trasladaron así mesmo "a total solidariedade co cadro de persoal das plantas e as súas familias diante estes anuncios e o seu total compromiso para buscar solucións".

As razóns de Siemens Gamesa para o feche

Nun comunicado, a empresa multinacional alemá Siemens explica esta decisión afirmando que se realiza "para mellorar a competitividade, principalmente no negocio de 'onshore', e ser rendíbel de forma sostíbel". O grupo sinalou que o feche da fábrica das Somozas débese á falta de pedidos das pas do modelo de turbina 'SG 2.X-114' que produce a planta e á imposibilidade que ten de fabricar de maneira competitiva os modelos máis grandes que demanda o mercado.

En concreto, a compañía indicou que non ten ningún pedido confirmado para este modelo no Estado en 2021. Para a multinacional as turbinas de maior lonxitude, que terán unha gran significativa, non se poden facbricar na planta galega por limitacións de espazo e de transporte.

Continúan a folga en Alu Ibérica

Mentres, non moi lonxe, as traballadoras e traballadores de Alu Ibérica na Coruña, no seu decimosétimo día de folga, continuaban pedinto a intervención nunha nova xornada de mobilización cunha concentración diante da factoría. Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, explica a Nós Diario que o cadro de persoal, está após 17 días de folga e concentracións diarias ás 12 horas menos o día de aninovo, "cos ánimos moi crispados coa empresa", entre outras razóns por "estar sen cobrar o salario de decembro". Este sindicalista cre que a empresa trata de que a folga teña "máis impacto do necesario para o cadro de persoal" aínda que só defenden "os nosos dereitos".

Onte mesmo o comité de empresa decatouse de que a compañía debe as cotas do plan de pensións de todo o cadro de persoal desde novembro. "Na parte de aforro e tamén da arte do seguro que cubre todas as continxencias de incapacidade ou falecemento", relata Corbacho. Para o comité de empresa é unha "situación que a empresa está potenciando para castigarnos por reivindicar os nosos dereitos".

En todo caso, a nova de última hora de que a empresa admitía unha mediación e apoiaba a proposta de sentarse para buscar unha solución ao conflito deu folgos dentro da representación sindical "sobretodo para tentar que a nosa compañeira recupere o seu posto de traballo e poder estabelecer unha situación de relacións laborais dentro da empresa", sinala o seu presidente.

Comentarios