Os piquetes do persoal de Siemens Gamesa continúan na fin de semana

O persoal suma máis dunha semana de folga para presionar á multinacional a que dea carga de traballo á planta das Somozas.
EuropaPress_3479547_barricadas_trabajadores_siemens_gamesa_entrada_poligono_as_somozas_coruna
photo_camera Barricada do persoal de Siemens Gamesa á entrada do polígono das Somozas no marco da súa folga en decembro (Foto: Europa Press).

Os operarios da planta da multinacional Siemens Gamesa nas Somozas, na Coruña, sumaron hoxe, 18 de decembro, unha semana de folga. Unha medida de protesta que iniciaron a pasada segunda feira para exixir á compañía carga de traballo.

O persoal reclama a realización de investimentos suficientes para producir novos modelos de pas para aeroxeneradores. Sobre todo as de maior tamaño, unha tendencia actual do mercado marcada polas repotenciacións ou os parques con menos muíños e cunha maior potencia.

No quinto día de paro os traballadores despregáronse con piquetes na entrada da fábrica, situada no polígono industrial coruñés, e mais nunha explanada próxima situada no lugar do Castelo. A compañía emprégaa como centro loxístico no que almacena as pas até que son enviadas aos seus puntos de destino. O persoal procuraba precisamente evitar o seu envío.

O día 17 a asemblea de persoal decidiu manter os piquetes neste sábado e mais no domingo, xornadas non laborais na planta. De cara aos vindeiros días non descartan desprazar as mobilizacións a outros concellos da comarca de Ferrolterra.

No mes de outubro, o persoal da planta das Somozas denunciou que só tiñan carga de traballo até finais de 2021. Ese mesmo mes máis de 200 traballadores manifestáronse no polígono para exixir á multinacional que invista no centro e evite a súa deslocalización. Desde 2018 viñan alertando da necesidade de traer "novos modelos" para facer a sede coruñesa máis competitiva, mentres que a directiva trasladou que non o tiña previsto. 

Contrato en América Latina

Paralelamente, esta mesma semana Siemens Gamesa asinou un contrato con Aela Enerxía para a operación e mantemento durante 10 anos da maior frota de aeorexeneradores da compañía Senvion, a marca de orixe alemá cuxos servizos e propiedade intelectual mercou a comezos de 2020, en América Latina.

O acordo implica un total de 93 turbinas Senvion nos proxectos eólicos Sarco e Aurora en Chile. Este é o primeiro contrato de Siemens Gamesa para dar servizo ás turbinas de Senvion no mercado latinoamericano. “Marca o décimo grande acordo de servizos para turbinas de Senvion que Siemens Gamesa fechou este ano”, destacou a compañía. 

Comentarios