xoves 28/01/21

O persoal de Siemens-Gamesa volve á folga reclamando carga de traballo

Esta semana o cadro de traballadoras e traballadores de Siemens-Gamesa nas Somozas tornará á folga indefinida. 

Asemblea do persoal de Siemens Gamesa nas Somozas ante a porta da fábrica (Foto: Europa Press)
Asemblea do persoal de Siemens Gamesa nas Somozas ante a porta da fábrica (Foto: Europa Press)

O persoal da factoría que a multinacional Siemens Gamesa ten no polígono industrial das Somozas decidiu retomar na segunda feira, 11 de xaneiro, a folga indefinida que paralizaran tras inciar o período de vacacións de Nadal recollido no seu calendario laboral.

A decisión foi tomada por unanimidade durante unha asemblea desenvolvida á entrada da zona industrial.

O presidente do comité de empresa, Sergio López (UXT), trasladou que os traballadores seguirán adiante coa folga ante a ausencia de carga de traballo e a falta de comunicación coa empresa.

O representante sindical detallou que xa teñen programadas unha serie de actuacións fóra das Somozas para facer chegar a toda a cidadanía a situación que atravesa esta planta dedicada á fabricación de pas para aeroxeradores.

Unha parálise que, segundo denuncian, "afecta toda a comarca", xa que hai pouco eran 300 as e os operarios aos que tiña contratados, aos que hai que sumar outros 200 postos de traballo indirectos.
 
A vindeira terza o persoal ten previsto levar as súas protestas de 10 a 12 horas á entrada do Porto de Ferrol.

Dous días máis tarde, o 14 de xaneiro, tamén de 10 a 12 horas, a protesta será ante o edificio administrativo da Xunta na praza de España de Ferrol.

Reclamacións e conflito

Para a seguinte semana as e os traballadores teñen previsto levar as reivindicacións a Santiago e á Coruña. O día 19 de xaneiro será ante a sede central da Xunta na capital galega e o día 21 desprazaranse á cidade herculina para concentrarse ante a sede da Subdelegación do Goberno.

O persoal reclama a realización de investimentos suficientes para producir novos modelos de pas para aeroxeneradores. Sobre todo as de maior tamaño, unha tendencia actual do mercado marcada polas repotenciacións ou os parques con menos muíños e cunha maior potencia. 

A finais de decembro, até 24 traballadores eventuais recibiron a noticia da non renovación dos seus contratos, sumándose así ás 58 persoas ás que non se lles renovou no mes de novembro, polo que só quedaron traballando na planta das Somozas 240 empregados, todos indefinidos da empresa, que non teñen carga de traballo máis aló das festas de Nadal.

Desde 2018 viñan alertando da necesidade de traer "novos modelos" para facer a sede coruñesa máis competitiva, mentres que a directiva trasladou que non o tiña previsto. 

comentarios