1M

Seixo chama á greve xeral e denuncia o "entreguismo e colaboración" de CC OO e UXT

"É necesario convocar unha folga xeral. Aquí sería realmente exitosa", afirmou o secretario xeral da CIG no seu discurso de encerramento da masiva marcha da central nacionalista en Vigo.

Suso Seixo, manifestación CIG 1 de maio de 2017
photo_camera Suso Seixo, desde a tribuna

"Denunciamos a atitude das centrais sindicais CC OO e UXT de entreguismo e colaboración co poder, que supuxo desmobilizar a clase traballadora e a perda de dereitos", dixo desde a tribuna o secretario xeral da CIG.

No discurso fixo un apelo directo á convocatoria dunha greve xeral na Galiza. "Aquí sería realmente exitosa", agoirou.

Na manifestación da CIG en Vigo, a máis numerosa este 1M na Galiza, participaron dirixentes de formacións políticas como Ana Pontón (BNG), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Luís Villares (En Marea).

Seixo enfatizou que o PP está neste momento en minoría no Congreso dos Deputados e lamentou que os "teóricos partidos da oposición e da esquerda no Parlamento español", no canto de aproveitaren a debilidade do PP para derrogaren a reforma laboral, prefiran dedicar as súas enerxías "á política de marketing e aos procesos eleitorais".

Para o secretario xeral da CIG, os partidos da oposición no Congreso só mudarán de actitude se son premidos pola mobilización obreira nas rúas, daí a súa chamada a unha greve xeral.

20170501_125005-1O problema estaría, reflectiu, en que as centrais estatais "ollan para outro lado e están máis preocupadas de non molestar moito o poder e conseguir certos favores, que de conseguir cousas en beneficio da clase traballadora".

CC OO e UXT chaman a negociar

Mentres a CIG pon sobre a mesa a palabra de orde da greve xeral, os sindicatos de ámbito estatal, na súa manifestación central na Coruña, preferiron pór o acento sobre a negociación colectiva.

Nese sentido, José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT, pediu á patronal que sente a negociar un acordo interconfederal en materia de emprego, conversas que visarían a consecución de salarios "xustos" e contratos indefinidos.

CC OO e UXT tamén defenderon que a "a maioría parlamentar" no Congreso (alusión á situación de minoría en que se acha o PP e á que se referiu Seixo) consiga a derrogación da reforma laboral.

Na manifestación nacional de CC OO e UXT deixáronse ver rostos da política como Antón Gómez-Reino (Podemos) e Yolanda Díaz (Esquerda Unida).

Comentarios