O sector do metal de Pontevedra volverá saír ás rúas por un convenio “digno”

Sindicatos convocan novas xornadas de folga no sector para reclamar a inclusión de melloras salariais no novo convenio colectivo.

Manifestantes do sector do metal diante de axentes da Policía nos arredores do Ifevi de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Manifestantes do sector do metal diante de axentes da Policía nos arredores do Ifevi de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

CIG, UXT e CCOO convocaron novas xornadas de folga no sector do metal de Pontevedra para reclamar á patronal un novo convenio colectivo "digno".

Así, segundo informou a Confederación Intersindical Galega (CIG) nun comunicado, ademais desta quinta feira, día 22 de xuño, os traballadores están chamados á folga os días 28 de xuño e 6 e 7 de xullo.

Estes paros únense aos xa realizados os días 15 e 20 deste mes, unha xornada esta última que coincidiu coa inauguración da feira MindTech, organizada pola patronal Asime e cuxos accesos foron bloqueados por milleiros de traballadores que se manifestaron ante o instituto feiral de Vigo.

Igualmente, sobre as 9.30 horas desta quinta feira partirá unha manifestación desde a empresa Panelfa, en Vigo, ata o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), do mesmo xeito que a pasada terza feira.

En Pontevedra haberá concentración pola mañá diante da factoría de Ence en Lourizán, e mobilizacións polos polígonos de Barro e de O Vao. No Salnés terá lugar unha manifestación ás 12 horas desde a rotonda das Carolinas, en Vilagarcía.

Comentarios