Seguimento "masivo" da folga convocada no sector do metal en Lugo para exixir salarios "xustos" e a renovación do convenio

Dúas empresas, Recambios Frain e Recambios Infra, "obrigaron" os seus empregados a acudir aos centros de traballo, denuncian os sindicatos.
Piquetes informativos no polígono do Ceao, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Piquetes informativos no polígono do Ceao, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os traballadores e traballadoras do sector do metal da circunscrición de Lugo secundan esta cuarta feira a folga convocada cunha participación que rolda o 90%, segundo calculan os sindicatos convocantes (CCOO, UXT e CIG). Os profesionais protagonizan piquetes informativos en polígonos como o que de forma "masiva" decorre no do Ceao, na cidade da Muralla.

O secretario comarcal de CCOO-Industria en Lugo, José Luis López, apunta en concreto a dúas empresas, Recambios Frain e Recambios Infra, que, asegura, "obrigaron" os seus empregados a acudir aos centros de traballo. O responsábel da primeira está sentado na mesa de negociación para actualizar o convenio colectivo e o outro é "o seu socio", explica.

Precisamente a renovación do convenio e a consecución dun salario "xusto", que recolla o IPC "real" de 2022 e unha cláusula de revisión para os anos seguintes, son as dúas principais demandas das organizacións sindicais, após un ano e medio de conversas entre empresas e traballadores.

Un sindicalista coloca un cartaz de 'Pechado por folga' ás portas dunha empresa situada no polígono lugués do Ceao. (Foto: Carlos Castro)
Un sindicalista coloca un cartaz de 'Pechado por folga' ás portas dunha empresa situada no polígono lugués do Ceao. (Foto: Carlos Castro)

O piquete do Ceao "non baixa de 500 persoas", segundo este portavoz, que o cualifica de "masivo" e afirma que "nunca houbo" un destas dimensións en Lugo, nin sequera durante unha folga xeral. Os polígonos do Ceao e As Gándaras concentran, de acordo coas súas estimacións, un 90% do sector nas comarcas da circunscrición luguesa, e en ambos os lugares o seguimento é "de 100%", exceptuando esas dúas compañías que, con todo, "acabaron fechando" ante a presión do piquete.

Pola súa parte, nos concellos restantes aos que tamén afecta a xornada de protestas, o paro nótase en polígonos como os de Monforte, Sarria e Vilalba, malia que nesta última localidade as empresas son do ámbito eólico, polo que a medida ten "menos visibilidade".

Tamén a semana pasada,  Alfonso Losada, representante da CIG-Industria, manifestou que a patronal tiña unha proposta "totalmente insuficiente". "Só soben os atrasos dos 340 euros até os 500 euros, o que non chega nin a 50% do que lles correspondería a moitas categorías", acrecentou Losada.

Manifestación "masiva"

Os ánimos están "caldeados", recoñece José Luis López, e contra as 12.30 horas desta cuarta haberá unha manifestación polas rúas do Ceao que tamén prevé "masiva". A pasada segunda feira tivo lugar a última reunión de mediación, no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, mais non houbo avances e por tanto non implicou que se desconvocase a folga, tamén prevista para os días 23 e 25 de maio.

En total, os sindicatos calculan que hai uns 7.000 traballadores dentro deste sector na circunscrición de Lugo, 5.000 deles no siderometal e outros 2.000 no comercio do metal.

Comentarios