O sector do comercio do metal concéntrase en Vigo antes de ir á folga

Decenas de persoas traballadoras do comercio do metal, convocadas polos sindicatos CIG, CCOO e UXT, concentráronse este sábado en Vigo para exixir un convenio "digno".
Concentración do sector do comercio do metal, este sábado en Vigo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración do sector do comercio do metal, este sábado en Vigo (Foto: Nós Diario)

Decenas de persoas traballadoras do comercio do metal, convocadas polos sindicatos CIG, CCOO e UXT, concentráronse este sábado en Vigo para exixir un convenio "digno" antes de levar a cabo unha folga a terza feira 22 de novembro.

Encabezados por unha pancarta coa consigna 'Comercio do metal. Por un convenio digno', asinada polas tres organizacións sindicais, as persoas traballadoras manifestáronse ás portas do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) a partir das 12 horas.

Negativa da patronal á negociación

Todo iso en protesta para solicitar a actualización do convenio colectivo do sector, "que leva anos caducado". Os sindicatos lembraron que o actual documento terminou a súa vixencia en 2019, polo que desde aquel momento tratan de renovar o texto xunto coas patronais "sen que a parte empresarial mostre vontade negociadora".

"Ante isto, a parte sindical incluso pediu a incorporación deste convenio ao do comercio vario, onde xa están outros sectores comerciais, recibindo tamén unha negativa", explicaron fontes sindicais.

Ademais dos salarios, onde os sindicatos piden un aumento acorde ao IPC, tamén se negocian outras cuestións como a adaptación ao que exixe a reforma laboral con respecto á contratación, á xornada laboral anual e dereitos sociais como licenzas, días de libre disposición ou vacacións.

CIG, CCOO e UXT aseguraron que cederon en moitas reivindicacións para tratar de chegar a un acordo, "incluso aceptando que non houbese incremento salarial retroactivo para os anos 2020 e 2021".

Son estas razóns, explican desde as centrais sindicais, as que lle levan á convocatoria de paro da próxima terza feira, nunha folga que ten como obxectivo forzar á patronal a sentarse na mesa de negociación para renovar o convenio.

Comentarios