Sánchez Aguión, Fernández Galiño e Uris Guisantes reciben os Premios 10 de Marzo

O acto anual organizado por CCOO tivo lugar en Compostela e acudiron un cento de persoas convidadas, entre familiares das persoas homenaxeadas, representantes de diferentes institucións e membros do sindicato.
Amelia Pérez, Uris, Fernández Galiño, Sánchez Aguión e Unai Sordo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Amelia Pérez, Uris, Fernández Galiño, Sánchez Aguión e Unai Sordo (Foto: Nós Diario).

Este sábado entregáronse en Compostela os Premios 10 de marzo convocados anualmente por Comisións Obreiras (CCOO) na Galiza. Nesta 33.ª edición, conducida pola xornalista Aida Pena, recibiron o galardón Xosé Manuel Sánchez Aguión, María Dolores Fernández Galiño e José Antonio Uris Guisantes.

Ao acto acudiron un cento de persoas convidadas, entre familiares das persoas homenaxeadas, representantes de diferentes institucións e membros do sindicato.

Abriu o evento o secretario xeral confederal, Unai Sordo, quen realizou un percorrido histórico para pór en primeiro plano parte da historia do sindicato, salientando que na conquista das liberdades que gozamos, “algo do cal moitos e moitas de vós fostes protagonistas en primeira persoa”.

Ademais, aplaudiu que nos Premios 10 de Marzo tamén se premien persoas que “non necesariamente” pertenzan ao sindicato, mais que si compartan con el “os valores da solidariedade e da xustiza social”.

Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, foi a encargada de fechar o acto cunha intervención na que resumiu os aspectos máis salientábeis das traxectorias vitais e profesionais das tres persoas homenaxeadas.

Memoria democrática e compromiso

Pérez definiu a Uris como “un compromiso de vida en defensa da memoria democrática” desde o seu papel como membro de CCOO e militante antifranquista, mais tamén lembrando a súa participación na asociación pola memoria histórica do Baixo Miño ou á fronte da organización contra as drogas Érguete.

O galardoado respondeu lembrando os seus primeiros tempos como militante o sindicato e tivo unhas palabras para “a miña querida Carmen Avendaño”, unha das pioneiras na loita contra o narcotráfico na Galiza.

De Dolores Fernández Galiño, a responsábel de CCOO puxo en valor o seu “compromiso feminista” desde moi nova, unha idea que empregou, segundo Amelia Pérez, “durante a súa carreira como maxistrada e xa nos últimos anos como Valedora do Pobo da Galiza”.

A galardoada, pola súa parte, lembrou o seu primeiro contacto con CCOO cando estaba destinada no Xulgado do Social en Pontevedra.

Finalmente, tivo palabras de agradecemento a Xosé Manuel Sánchez Aguión, “un rapaz de aldea, como o Balbino de Neira Vilas”, que se criou na Coruña e que a ser secretario xeral de CCOO na Galiza.

Sánchez Aguión, por último, quixo lembrarse “daqueles que xa non están”, en concreto Enrique Veira, José Luis Paz Pena, Pepe Cameselle e Xan María Castro Paz, como “parte da historia das Comisións Obreiras”.

Comentarios