"Moderación salarial", o remedio do Estado español para a espiral inflacionista

A ministra Nadia Calviño defende que as persoas traballadoras aperten o cinto "polo ben común".
A ministra Nadia Calviño (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera A ministra Nadia Calviño (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

A vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno español, Nadia Calviño, dixo que confía en que a "moderación salarial" no actual contexto de inflación "sexa a guía co fin de evitar unha espiral inflacionista que tería consecuencias máis que negativas a medio prazo".

Así o dixo nunha entrevista no diario La Vanguardia, tras ser preguntada por se a inflación pode xerar conflitividade laboral se non se alcanza un pacto salarial entre sindicatos e patronal.

Afirmou que confía na "responsabilidade coa que actuaron os axentes sociais" desde o inicio da pandemia, porque asegura que estes velaron polo ben común e lograron acordos importantes que teñen impactos positivos no benestar dos cidadáns.

Preguntada por se a inflación afectará as pensións, destacou a necesidade de protexer aos pensionistas e darlles tranquilidade e abrigo despois de "dous anos tremendos, moi duros para todos os cidadáns".

A "excepción ibérica"

Asegurou que todos os organismos prevén o pico de inflación nesta primeira parte do ano, ante o que o Goberno traballa para aplicar "canto antes" a denominada "excepción ibérica", e poñer así un tope ao prezo da electricidade no mercado .

Recalcou que a aplicación desta medida supón un cambio importante para limitar o impacto negativo dos prezos nos mercados internacionais sobre "o mercado e, por tanto, sobre os cidadáns".

Preguntada pola porcentaxe de rebaixa na factura da luz que se conseguirá coa aplicación da "excepción ibérica", respondeu que esta depende da hora do día e da enerxía que sexa necesaria para cubrir a demanda, e que "son moitos factores, pero podería chegar a reducirse até a metade".

Explicou que a compensación ás compañías  gasísticas pola medida seguirá vindo do sistema eléctrico, e defendeu que o obxectivo da medida é que "só se pague ao prezo do gas a enerxía xerada co gas e poñer fin aos beneficios  exorbitantes e extraordinarios".

Vox e PP

Doutra banda, cualificou de "preocupante" o pacto PP-Vox en Castela e León, e pediu "non minimizar a importancia de que estea nas institucións un partido que ten un discurso  antieuropeo,  antifeminista,  antiminorías,  antiautonómico, que trivializa a violencia de xénero e que se opón a moitos dos dereitos conquistados durante décadas".

Preguntada por se o Goberno aceptaría a baixada xeral de impostos proposta polo PP, respondeu que "hai que adoptar as medidas máis eficaces en cada momento para lograr o obxectivo que se persegue", e que a aposta do Goberno incorpora rebaixas fiscais así como outro tipo de instrumentos, como bonificacións e axudas directas.

"Ese tipo de mensaxes de rebaixas fiscais xeneralizadas antes ou despois queren dicir recortes nos servizos públicos e, desde logo, non responden nin ás recomendacións internacionais nin ao que a economía española necesita agora", asegurou.

Comentarios