Cuarto día de paro no transporte: perdas millonarias na pesca e problemas no abastecemento de auga mineral

Só en Vigo, o sector pesqueiro está a perder perto de dous millóns de euros ao día. Esta quinta feira destruíuse na lonxa peixe "de gran valor" procedente de Irlanda: "Non hai poxa porque están parados os transportistas, o que significa a destrución de produto", din os armadores vigueses, que advirten dunha "aceleración do paro da frota" por mor da "folga salvaxe" do transporte.
As e os transportistas que secundan o paro indefinido no sector percorreron esta quinta feira Ourense até chegar á sede da Subdelegación do Goberno (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera As e os transportistas que secundan o paro indefinido no sector percorreron esta quinta feira Ourense até chegar á sede da Subdelegación do Goberno español (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

Os problemas polo paro do transporte recrúan na Galiza na cuarta xornada, na que se comezou a tirar peixe ante a imposibilidade de poder transportalo, con perdas millonarias nos principais portos. A maiores do anuncio da industria de non recoller o leite das explotacións gandeiras, outros sectores xa notan o impacto: a construción alerta de que non poderá seguir coas obras desde esta sexta feira, hai falta de materiais na metalurxia e a conserva asegura que se ve obrigada a "parar progresivamente" a súa produción.

Pola súa parte, o risco de desabastecemento acentúase en varios produtos como a auga mineral, sector no que tamén se advertiu de cesamentos próximos da produción. Mentres, continúan os piquetes en estradas como a entrada á Galiza en Pedrafita, así como no Corgo, do mesmo modo que en portos como o da Coruña.

A asociación galega Apetamcor convocou esta quinta feira unha marcha por Ourense até a Subdelegación do Goberno estatal. Ante esta situación, o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, anunciou que se vai "reforzar" a presenza policial, de forma que "xa son máis de 2.000 axentes" actuando no país, realizando "400 acompañamentos a diferentes transportistas", dado que as empresas "están a solicitar esa axuda".

"Non imos tolerar que se produza o que estamos a ver estes días de coacción aos que si queren traballar", sentenciou. Precisamente, Miñóns censurou que o paro "minoritario" está "a actuar de forma violenta e con coacción". "Hai que lanzar unha mensaxe de que non se poden afectar os servizos esenciais como se están a afectar agora mesmo", afirmou, ao tempo que engadiu que "calquera ten dereito a parar, pero non a impedir que outros traballen".

Destrución de peixe nos portos

O presidente dos armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, informou de que esta quinta feira se tivo que destruír peixe de "gran valor" procedente de capturas en Irlanda porque "se sabotearon os camións". Chega o produto ás lonxas, pero "non hai poxa porque están parados os transportistas", o que "significa a destrución de produto".

Touza subliñou que isto produce unha "aceleración da parada da frota", especialmente de cerco e Gran Sol, nos principais portos, como A Coruña, Vigo, Burela ou Celeiro. "É inasumíbel saír a pescar a un euro o litro", algo que agora se suma á "folga salvaxe do transporte" que está a actuar de "maneira violenta". Varias empresas, de feito, estudan presentar querelas criminais.

Ante esta situación, o responsábel de ARVI reclamou axudas para a frota, pois xa hai peticións de desmonte de pesqueiros do Gran Sol. Neste senso, instou as administracións a tomar "medidas inmediatas" porque, se non, vaise "cronificar" o problema. Touza cifrou nuns dous millóns de euros ao día as perdas asociadas ao sector pesqueiro só en Vigo.

O presidente da lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, destacou que a actividade está a 10% do habitual, o que é "insostíbel", xa que só se chega ao mercado local e a algúns compradores polo miúdo, "pero se impide sacar o peixe ao resto de portos". Corrás afirmou que "se está parando moitísimo a actividade", xa que "as cámaras están cheas" de peixe, os barcos de Gran Sol "teñen que vir descargar" as súas capturas porque teñen as adegas cheas: "Mais non saben que facer, porque se ao final vés, pero non o podes vender...", apuntou.

As perdas no porto da Coruña, dixo, ascenderon ao millón de euros ao longo da semana. Estes días factúranse uns 300.000 euros, mentres o habitual nunha semana está "entre o millón ou millón e medio de euros" de primeira venda. Os piquetes "levan aí todos os días" no porto coruñés, mentres os transportistas que non secundan a folga "tampouco se atreven". "Aquí o que se necesita é que as administracións senten cos que se teñen que sentar, que son os que están a provocar esta paralización que está a coller un cariz moi malo", lamentou.

Desabastecemento

Os desabastecementos que se producen de materias primas no sector primario, a construción ou o sector da conserva esténdense a outros produtos. Así, a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin) alertou de "problemas" nese abastecemento. Nun comunicado, chamaron a atención sobre que as plantas envasadoras "están ao límite" da súa capacidade de almacenamento, sen subministración de materias primas e "perto de suspenderen a súa actividade por non poder dar saída á súa produción". Ante a "gravidade" da situación, advertiron, poderían verse obrigados a pór en marcha procedementos de ERTE.

Pola súa parte, o vicepresidente de Tradime —unha das organizacións que alentan a folga de transportistas—, José Fernández, referiuse á posibilidade de "desabastecemento" de diferentes mercadorías. "Pola zona de Lugo temos practicamente a totalidade do sector parado e hai varios puntos con vehículos retidos, en Vilalba e en Nadela", sinalou. Aliás, recoñeceu "algunha incidencia", aínda que "a maioría da xente entende a situación e detense cando son informados polos piquetes". "Paran para evitar males maiores", asegurou.

Neste escenario, a Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) fixo un chamamento a "unha práctica responsábel e racional" das persoas consumidoras nas súas compras para evitar que se "agraven" as situacións de falta de abastecemento "que xa se están dando en distintos estabelecementos".

Esta problemática, de feito, comeza xeneralizarse en máis sectores, como é o caso do comercio. A Federación Galega de Comercio apuntou que xa está sufrindo as consecuencias da folga de transportes por estrada "ao non poder recibir mercadoría", o que "está a afectar" as súas vendas.

Advirtiu, así mesmo, de que o comercio de proximidade padece de falta de "produtos e repostos" para "poder realizar con normalidade a súa actividade, satisfacer a demanda dos seus clientes ou responder aos compromisos adquiridos cos mesmos". "Se a situación se alonga, as consecuencias poden ser nefastas para moitos empresarios do comercio galego", augurou a Federación.

Comentarios