luns 03/08/20

PSA muda en Vigo as medidas anti-Covid-19 que protexían o seu persoal

PSA-Citröen é a primeira grande empresa na Galiza que modifica unilateralmente as medidas de protección contra a pandemia aprobadas na volta á actividade. Desde este mes reducen descansos e frecuencias de limpeza das zonas comúns, ademais de incrementar o ritmo de traballo cando o persoal aínda leva EPI. CIG e CUT denuncian que buscan reducir custos e aumentar beneficios.  
Manuel Domínguez (esquerda), delegado da CIG, e Vítor Mariño (dereita), delegado da CUT, presentan a denuncia en rexistro. (Arxina)
Manuel Domínguez (esquerda), delegado da CIG, e Vítor Mariño (dereita), delegado da CUT, presentan a denuncia en rexistro. (Arxina)

A volta ao traballo de numerosas operarias e operarios na Galiza non está a ser doada. As empresas, obrigadas a contar cunhas estritas normas de seguridade como consecuencia da actual pandemia da Covid-19, reiniciaron a súa actividade presentando as medidas que consideraron oportunas. Foi o caso da factoría PSA-Citröen de Vigo que volveu á actividade o pasado 11 de maio de maneira gradual, comezando pola incorporación de 3.400 membros do seu cadro persoal até chegar aos 7.400 cos que conta en total. Daquela a multinacional presentara un plan de prevención adaptado ás normas exixidas polo Ministerio de Sanidade baseadas, nos seus alicerces, na distancia social, a hixiene en espazos públicos e privados e o lavado de mans.

Compromisos de PSA

No plan presentado por PSA  no mes de maio, ademais do reinicio gradual da actividade por quendas, anunciaba unha diminución do nivel de produción que revertería na redución da velocidade das liñas de montaxe acordada no marco do protocolo de medidas de seguridade que se implantará para evitar a propagación da Covid-19. Nesas medidas incluíase a a subministración de máscaras e xel hidroalcohólico, así como a limpeza "frecuente" de ferramentas e outros útiles de traballo. O informe presentado pola empresa fora avalado avalado polo sindicato independente e UXT e rexeitado por CCOO, CIG e CUT. 

Cambio de medidas en xullo

As forzas sindicais CIG e CUT denunciaron onte en Compostela que PSA mudou estas medidas de seguridade en xullo sen negociar e asegurando que eran instrucións que debería adoptar todo o grupo en Europa. "Colleunos por sorpresa a todas e a todos", aseguran desde a sección sindical da CUT a Nós Diario, "non consultaron nin co comité de seguridade e saúde da factoría", engaden. 

A empresa, segundo os sindicatos, limitou o uso de vestiarios e duchas polo que o persoal ten que acceder ao recinto con roupa de traballo. Da mesma maneira teñen limitado o acceso aos servizos e ás zonas onde hai máquinas de expedición de alimentos, reducindo os tempos de descanso, polo que non teñen posibilidade de acceder con liberdade nas pausas laborais.

CIG e CUT denuncian tamén que se aumentou a velocidade das cadeas, chegando a ritmos anteriores ao estado de alarma e empregando equipos de protección individual (EPI) sen que pasen por unha avaliación de riscos. "A empresa asegura que non realizou ningún estudo sobre as consecuencias de traballar con máscaras con temperaturas de 32º", explican desde a CUT, "algo que non entendemos", engade.

Sobre esta circunstancia solicitaron un informe ao Servizo de Prevención e Avaliación de riscos para que teña en conta o protocolo de altas temperaturas nesta época do ano. 

Paralización do plan de desescalada

Os sindicatos aseguran que as medidas actuais da factoría viguesa non se adoptaron noutras que ten o grupo en Madrid e Zaragoza. CIG e CUT afirman ter "abondo argumentos" para solicitar á empresa a paralización inmediata do plan de desescalada que, lembran "non negociou coa representación legal das persoas traballadoras". Por este motivo solicitan "a apertura dun proceso de negociación de cara a mellorar erros e incomodidades que o actual protocolo ten". Onte mesmo presentaron escritos no rexistro da Xunta, en Compostela, destinado a diferentes organismos e entidades como Inspección de Traballo, Sergas e Ministerio de Sanidade. Manuel Domínguez, delegado da CIG, explicou a Nós Diario que se recorre a diferentes Administracións para que "teñan coñecemento do que está a pasar alí dentro" e forcen a empresa a rectificar.

comentarios