Vigo

Persoal de Ilunion mobilízase para exixir "un convenio xusto e salarios dignos"

Boa parte do persoal traballa en Stellantis, onde decorreu a protesta, e noutras compañías do sector do automóbil.
Protesta do persoal de Ilunion diante da sede de Stellantis en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal de Ilunion diante da sede de Stellantis en Vigo, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

Persoal de Ilunion Servizos Industriais Galiza, centro especial de emprego do grupo Once, mobilizouse novamente na mañá desta sexta feira en Vigo para exixir un convenio de empresa "xusto" e salarios "dignos".

Fixérono fronte á sede de Stellantis, xa que, explica a CIG nun comunicado, os 620 traballadores e traballadoras de Ilunion prestan servizo en compañías do sector do automóbil como a factoría viguesa ou Lear, Benteler e Denso, entre outras.

O sindicato advirte que o persoal desta compañía percibe o salario mínimo interprofesional e sofre "altos ritmos de traballo".

"Ademais de non recibir a formación obrigatoria estabelecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas", salientan.

A elas e eles aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, mais a CIG demanda que se lles aplique o do sector no que prestan servizo ou, en caso contrario, que se negocie un propio.

A central sindical solicitou un AGA —procedemento extraxudicial de resolución de conflitos de traballo—, mais Ilunion "rexeitou a mediación".

"No marco desta iniciativa desenvolvéronse xa numerosas mobilizacións, tanto diante da sede do grupo Once como das distintas empresas da automoción nas que o persoal de Ilunion presta servizo", precisa a CIG.

Comentarios