A precariedade laboral na automoción chega ao persoal con discapacidade

A CIG realizará esta quinta feira unha protesta diante da sede central da ONCE en Vigo para denunciar a precariedade do persoal que traballa para o seu centro especial de emprego Ilunion no sector da automoción. Un total de 620 traballadoras e traballadores con discapacidade cobran o SMI e teñen un convenio diferente ao do Metal.
Manifestación realizada en Vigo en 2019 pola CIG contra a precariedade laboral en Ilunion (Nós Diario).
photo_camera Manifestación realizada en Vigo en 2019 pola CIG contra a precariedade laboral en Ilunion (Foto: Nós Diario).

A sede da Organización Nacional de Cegos de España (ONCE) en Vigo acollerá esta quinta feira unha concentración convocada pola CIG (11 horas, Gran Vía 16) para denunciar a precariedade que padece o persoal de Ilunion Servizos Industriais Galiza, un dos seus Centros Especiais de Emprego (CEE) adscrito a Ilunion, que traballa en empresas do sector da automoción da comarca.

Desde esta central sindical  nacionalista veñen denunciando en reiteradas ocasións un problema que afecta a operarias e operarios cunhas características moi concretas, persoas con discapacidade que buscan integrarse no mercado laboral.

O responsábel da Federación de Industria da CIG en Vigo, Enrique Fernández, explica que o que atopan é "explotación e ter que cobrar o salario mínimo interprofesional, quedándolles só 800 euros" cando realizan "as mesmas tarefas e cos mesmo horarios que o resto do persoal".

En Stellantis, por exemplo, este persoal traballa na nave H como carretilleiras e carretilleiros ademais de realizar labores de montaxe coas mesmas quendas de día e de noite que o resto do cadro de persoal da factoría viguesa.

Catro empresas de automoción beneficiadas

Desde a federación de Industria explican que a delegación de Ilunion implicou neste sector a un total de 620 traballadoras e traballadores. Agora mesmo prestan servizo a catro grandes compañías de automoción: Stellantis, Benteler, Lear e Denso

Polas características deste persoal, "e co convenio estatal que se lles aplica terían que facer un traballo de oficina", indica Fernández. A realidade é ben diferente. "Teñen un montón de cargas de traballo malia ter as súas  limitacións", relata este sindicalista a Nós Diario.

Conta que en Stellantis "amortizan postos de traballo propios en loxística e produción cobrando a metade de salario", algo que, asegura, "funciona como unha competencia desleal no sector". Ademais destas condicións, o persoal que traballa a través de Ilunion "non ten con ningún tipo de formación específica que lle axude a realizar a súa función, algo imprescindíbel neste tipo de empresas", apunta. 

Denuncias reiteradas diante a Inspección

Desde a CIG reivindican que se lles aplique o convenio do sector onde prestan servizo, neste caso o do Metal. Por este motivo xa mantiveron varias reunións coa Consellaría de Traballo para que fagan presión neste sentido. "Presentamos tamén moitas denuncias diante da Inspección relacionadas con seguridade, fallo de formación e fraude na contratación", sinala Fernández.

Outra das queixas por parte da central nacionalista é o propio funcionamento da empresa da ONCE. "Teñen mesmo unha empresa de traballo temporal (ETT) que co nome de Ilunion Capital Humano mete as persoas non discapacitadas por non dar feito", explica este sindicalista.

Para Fernández, por último, esta empresa "explota o persoal "e non cumpre a súa función de introducilo no mercado de traballo que tanto necesitan, en realidade aprovéitanse delas e non chegan a ter nunca un posto na empresa en condicións", conclúe. 

Axudas públicas, a outra fonte de ingresos das CEE

Os centros especiais de emprego (CEE) son empresas que teñen como principal misión proporcionar tarefas que son pensadas e adecuadas para persoas con discapacidade co  obxectivo de facilitar a súa integración no mundo laboral a través de traballos remunerados adecuados ás súas características persoais e coas mesmas normas que o resto de empresas dos sector.

Para realizar esta función reciben axudas públicas do Goberno español e tamén do galego. Este último achegou a Ilunion Servizos Industriais Galiza, a empresa que traballa no país co sector da automoción, dentro do 'Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional' da Consellaría de Emprego e Igualdade, un total de 168.000 euros entre os anos 2020 e 2021, segundo publica o Diario Oficial da Galiza (DOG).

Comentarios