Cal é o traballo soñado das crianzas galegas? A quen queren como xefe ou xefa? E que salarios agardan percibir?

Unha ampla enquisa de Adecco sinala as preferencias dos nenos e nenas da Galiza de cara ao seu futuro profesional, cun auxe do fútbol como opción prioritaria para moitas rapazas. Cristiano Ronaldo e Ana Peleteiro, entre os xefes e xefas que quererían ter.
A compostelá Vero Boquete, que dá nome ao estadio de San Lázaro, é unha das grandes referentes do fútbol galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera A compostelá Vero Boquete, que dá nome ao estadio de San Lázaro, é unha das grandes referentes do fútbol galego. (Foto: Europa Press)

Futbolistas e policías ou profesoras e veterinarias son as profesións favoritas dos nenos e nenas galegos, respectivamente, segundo se desprende da XVII Enquisa Adecco 'Que queres ser de maior'. A pesar de que a compañía autora do estudo explica que "non é novidade" que estas sexan as profesións favoritas das crianzas, o que parece que se "consolida" este 2023 é que moitas mozas galegas tamén elixen ser futbolistas entre as súas primeiras opcións, "quizais pola visibilidade que os equipos de fútbol feminino están a ter ultimamente nos medios de comunicación".

Con base no mesmo informe, 3,8% das mozas sinalan o fútbol como prioridade profesional, quedando na sétima posición, por detrás de profesora (26,3%), veterinaria (13%), doutora (8,5%), cociñeira (4%), policía (4%) e cantante (3,8%). Na oitava posición sitúase actriz (2,1%), e fechan o 'top 10' bailarina (2,1%) e perruqueira (2,1%).

Pola súa parte, os nenos da Galiza decántanse principalmente por futbolista (36,1%) e policía (12,4%) como as primeiras opcións, mentres profesor (9,2%) queda no terceiro posto e informático (4,5%), no cuarto. Científico (4%), músico (3,8%), mecánico (2%), bombeiro (2%), cociñeiro (2%) e enxeñeiro (1,2%) completan a listaxe.

"Mozos e mozas, con algunhas marcadas diferenzas entre eles, seguen querendo desempeñar as mesmas profesións que os mozos galegos aos que se preguntaba hai 17 anos", indicou Adecco nun comunicado, lembrando que a primeira enquisa sobre este tema data de 2004. A multinacional destacou de forma anecdótica outras profesións que tamén 'namoran' as crianzas galegas, como ninja, CEO de Mercadotecnia, campioa de jiu-jitsu, copiloto de avións de guerra, Elsa de Frozen ou presentador de El Hormiguero.

Xefe ou xefa "ideal"

A enquisa tamén inclúe outro tipo de preguntas, como quen sería o xefe ou xefa ideal. Para os nenos, un amigo (15,2%), a súa nai (8,4%), o seu pai (7,5%) ou Cristiano Ronaldo (6.6%) serían perfectos para dirixilos no seu traballo, así como Leo Messi (6,6%), Ana Peleteiro (4,7%), o seu profesor (3,2%), Lucas Vázquez (3,2%) ou Ibai Llanos (1,8%). Este ano saen da lista de xefes máis votados figuras como Rafa Nadal, Anuel AA, Sergio Ramos, David Broncano ou Pablo Motos.

Para elas, pola súa parte, un amigo ou amiga (18,1%) tamén fica como opción prioritaria, así como a súa nai 14,3%) na segunda, seguida dela mesma (8%), da profesora (5,9%), de Ana Peleteiro (5,5%), da cantante Aitana (3,8%), dun irmán (3,2%), de Karol G (2,4%), do seu pai (2,4%) ou de Carolina Iglesias (1,2%). Desaparecen destas primeiras posicións artistas como Katy Perry, Ladybug (debuxo animado) ou a cociñeira profesional Samantha Vallejo-Nágera.

Salarios

No que atinxe aos soldos que esperan percibir, ambos os xéneros elixen unha cantidade millonaria como primeira opción (50,3%), mentres que un 17,2% escolle un soldo medio de entre mil e dous mil euros ao mes. En terceiro lugar (13,9%) está unha cifra redonda dun millón de euros ao mes. Para os nenos, a actitude (27,3%), os trazos persoais (22,1%) e as habilidades e competencias (12,1%) son os elementos necesarios para ser un bo traballador, seguido da puntualidade (6,6%) ou da formación (5,7%).

En canto ao tipo de empresa na que espera traballar, algunha firma do ámbito deportivo é a primeira opción para eles (18,2%), mentres que en segundo lugar está a empresa na que traballan os seus pais (14,4%) e un 8,6% dos nenos galegos elixe unha multinacional dedicada á tecnoloxía. As nenas prefiren unha compañía do mundo da moda (21,5%) ou unha empresa de alimentación (17,2%) e de deporte (5,4%).

Pola súa parte, de cara á xubilación, os nenos galegos esperan dedicarse a viaxar (16%), ver a tele (9,1%), non facer nada (5,3%), coidar aos netos (4,8%) ou ir ao horto ou ao xardín (3,7%), mentres que as nenas tamén colocan en primeiro lugar viaxar (17,2%), despois coidar aos netos (10,2%), pasar tempo en familia (5,4%), descansar (5,4%) e facer tarefas do fogar (4,8%).

Noticia do ano

Preguntados sobre a noticia máis importante do ano, os nenos na Galiza, malia que máis dun 20% non sabía contestar porque "non adoita ver as noticias", para 17,4% dos participantes foi a invasión rusa de Ucraína. A moita distancia séguena a seca (4%) ou os terremotos de Turquía e Siria (2,9%). O fin das máscaras (2,7%), a canción de Shakira e Karol G (1,9%) ou a vitoria de Arxentina no mundial (1,6%) cóanse nas primeiras posicións, seguidas do divorcio de Piqué e Shakira (1,6%), da Copa do Rei do Real Madrid (1,6%), das eleccións (1,6%) ou da morte de Isabel II (1,3%).

A enquisa de Adecco tamén preguntou aos nenos e nenas galegas a definición de varios conceptos, como 'eleccións', onde 38,1% recoñecen que non sabe que é, mentres un 33,5% asóciao a ir votar para elixir alcalde ou presidente. "É a enquisa que lle fai á xente para saber que vai votar", "tomar decisións", "cando se cambia de presidente", "cando se elixe ao Rei", "cando te elixen para un traballo", "escoller ao delegado de clase" ou "unha competición moi importante", foron algunhas curiosas definicións, segundo recolle Adecco.

Tamén se lles preguntou polo teletraballo, que 41,3% das crianzas define como a opción de traballar en casa, así como por que é unha bolsa, con máis da metade que non sabía que era e 26,2% asóciao ao mundo dos estudos como unha axuda para realizalos.

Comentarios