O prezo do leite mantense por baixo dos 0,30€ malia o acordo asinado en Madrid

O SLG pide re-abrir as negociacións perante a "xeralización de contratos lixo".

Leite

Entre os 0,22€ e os 0,28 céntimos. Eis os prezos que as industrias lácteas están a pagar en orixe polo leite. Así o denunciou o Sindicato Labrego Galego (SLG) que reclama a re-abertura das negociacións no sector perante o que definen como unha "xeralización de contratos lixo". 

Apenas transcorrido un mes desde a sinatura do acordo do leite, que contou coa rúbrica da industria, algunhas distribuidoras, mais sen a das principais organizacións sindicais galegas (SLG e UPA), os prezos deste produto en orixe non subiron. 

Así o denunciou o SLG en comparecencia de imprensa ao abeiro dos dados recollidos nas explotacións. Neste senso, aseguran que Leite Celta incrementou unicamente 0.005€ o prezo, pasando de 0,27€ a 0,275; Larsa paga entre 0,25 e ,26 euros o leite en orixe, unha cifra que obtén calculando o "80% do valor a partir do prezo mercado pola industria e un 20% do valor a partir do prezo a que cotiza o leite no mercado internacional", explican desde a organización agraria. Reny Picot fixa o prezo "co 60% do prezo de mercado e o 40% do prezo do leite en po, esta empresa italiana obtén unha media coa que paga o leite entre 24 e 26 céntimos" e Peñasanta co "80% da cotización de mercado e 20% da cotizacón do leite en pó". 

Noutras industrias como Celega, Lácteos Deza ou Leite Río o prezo en orixe mantense entre os 0,255€, 0,22 e 0,27 céntimos, respectivamente. 

Perante esta realidade, o SLG denuncian que a industria está a "impór", através dos novos contratos lácteos, "prácticas comerciais coercitivas e mafiosas" que, no entanto, acrecentan "utilizaba antes das mobilizacións". Este feito, está "a repercutir" en "subas insignificantes que non chegan nen a un céntimo, no mellor dos casos". Neste senso, aseguran que "as melloras no prezo que se están a producir nos supermercados só serven para que as industrias aumenten a súa marxe de beneficio ao non repercutir eses incrementos no prezo que lle pagan ás granxas". 

Polo que urxen a re-abertura das negociacións pois "no acordo lácteo dicíase, expresamente, que as industrias repercutirían as melloras no prezo que fixesen as distribuidoras". 

Comentarios