Preacordo en Carballeda para manter os empregos na louseira

Traballadores da factoría protestan ante os camións con mercadoría
Instalacións de Irosa-Samaca en Carballeda de Valdeorras. (Foto: Irosa-Samaca)
photo_camera Instalacións de Irosa-Samaca en Carballeda de Valdeorras. (Foto: Irosa-Samaca)

O grupo louseiro Irosa-Samaca e a comunidade de Montes Portela Trigal de Carballeda de Valdeorras chegou esta sexta feira a un preacordo após unha xuntanza entre a directiva da empresa e os comuneiros. 

O principio de acordo, do que non transcenderon os detalles, alcanzouse na xuntanza decorrida após o conflito desatado na tarde-noite da quinta feira, cando un tráiler accedeu á zona de Samaca desafiuzada por orde xudicial no mes de setembro. Para os traballadores e os sindicatos o obxectivo era encher o camión de lousa, algo que non podían aceptar.

Os traballadores exixen o mantemento dos postos de traballo dos case trescentos empregados, 200 deles, directos. "En principio hai un preacordo para cumprir o obxectivo, falta asinar e formalizar e seguimos negociando, pero semella que se cumprirá", trasladaron desde a CIG. 

Acceso dun camión

Traballadores e o comité de empresa de Irosa-Samaca impediron a saída dun tráiler cargado de lousa da nave desafiuzada. Os feitos aconteceron na quinta feira, cando remataba a xornada laboral na louseira que mantén a súa actividade.

Veciñanza e traballadores déronse conta do que acontecía e presentáronse no lugar xunto con sindicatos e o comité de empresa para evitar que o vehículo fora retirado con mercadoría. "Nós deixaremos que saia o camión, pero que saia baleiro", afirmaron os traballadores concentrados.

Na sexta feira, a xornada transcorreu con normalidade. Os traballadores puideron acudir ao seu posto de traballo, na parte que segue en funcionamento, mentres que na zona desafiuzada permanece o vehículo ao que non deixaron saír a menos que descargue a lousa.  
 

Comentarios