As persoas traballadoras aceptarán empregos de peor calidade en 2023 pola desaceleración global

A Organización Internacional do Traballo advirte dunha suba das desigualdades ante o aumento do emprego mal pago, carente de protección social e de seguridade laboral
Os traballadores e traballadoras autónomos son os máis afectados pola redución das desgravacións (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Auguran traballos máis precarios e peor pagados en 2023. (Carlos Castro / Europa Press).

A Organización Internacional do Traballo (OIT) alertou esta segunda feira de que os traballadores a nivel global veranse obrigados a aceptar empregos de peor calidade como consecuencia da desaceleración a nivel mundial que terá lugar en 2023.

Segundo se desprende do informe 'Perspectivas sociais e do emprego no mundo: tendencias 2022', que publicou a entidade multilateral, os traballadores terán que asumir postos de traballo "mal pagos e carentes de seguridade laboral e protección social".

Isto, explica, acentuará aínda máis as desigualdades que xa se dispararon pola crise derivada da pandemia da Covid-19.

Contención na creación de emprego

Entre as previsións da OIT tamén está que o emprego a escala global unicamente creza un 1%, o que suporá a metade do crecemento de 2021. Ademais, o desemprego global aumentaría nuns tres millóns de persoas, até un total de 208 millóns de parados ante a "escasa oferta" de traballo en países de altos ingresos.

"O menor ritmo de aumento do emprego a escala mundial significa que as perdas ocasionadas durante a crise da Covid-19 probabelmente non se compensen antes de 2025", indicou Richard Samans, director do departamento de investigacións da OIT e coordinador do informe.

Pobreza

Por outra parte, por mor de que os prezos aumentan a un ritmo máis rápido que os ingresos nominais por traballo, a crise asociada ao custo da vida podería elevar o número de persoas en situación de pobreza.

Neste sentido, a OIT puxo o foco sobre as mulleres e os mozos, que son os que máis sufrirán o mercado de traballo en 2023 pola súa situación xa precaria de seu.

En concreto, as mulleres a nivel global teñen unha taxa de participación do mercado laboral do 47,4%, fronte ao 72,3% dos homes. Ao tempo, o paro dos mozos é tres veces superior ao dos adultos, cun 23,5% de persoas de entre 15 e 24 anos que nin traballa, nin estuda, nin participa en programas de formación.

"Xurdiu en todo o mundo un contorno de elevada e persistente incerteza, que contrae o investimento empresarial, especialmente das pequenas e medianas empresas, erosiona os salarios reais e empuxa aos traballadores de novo ao emprego informal", concluíu a OIT no seu informe.

Comentarios