"Imos ficar atrás". Persoal de Endesa nas Pontes pide á empresa unha "transición xusta"

A semana pasada a central das Pontes queimou as súas últimas reservas de carbón e puxo fin a 47 anos de actividade ininterrompida
Concentración en Ferrol de persoal das Pontes (Foto: Europa Press).
photo_camera Concentración en Ferrol de persoal das Pontes (Foto: Europa Press).

Persoal das empresas auxiliares da central térmica de Endesa nas Pontes (comarca do Eume) concentráronse convocados pola CIG, CC.OO. e UXT, na mañá de onte diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza en Ferrol, para asegurar que "o que se está producindo coa central non é unha transición xusta", segundo manifestou un dos operarios, Celso Barro

Así, trasladou que as compañías teñen contrato "até o próximo 30 de novembro" e que desta maneira "de transición xusta temos moi pouco, xa que se fica xente atrás, non é xusta", detallando que "os primeiros en ficar atrás, somos as compañías auxiliares, e non temos máis nada, non temos ningunha solución".

O operario detallou que "se está a falar de cursos, fálase de desmantelamento, pero a día de hoxe non temos nada serio encima da mesa, xa que nos falan duns cursos, pero dinnos que para acceder a eses cursos o primeiro que temos que facer é estar no paro". A día de hoxe nas instalacións continúan algo máis de cen operarios de empresas auxiliares.

Suspensión da reunión

Celso Barro detallou que se concentraron en Ferrol, ante o edificio da Xunta, porque "para hoxe [por onte] había concretada unha reunión onde estaban todas as partes que tiñan que achegar solucións ao noso problema", como son o Instituto de Transición Xusta, a Xunta, o Concello das Pontes, Endesa e sindicatos, "pero desconvocouse e non sabemos moi ben o motivo e tampouco nos achegan unha solución a cando se convocaría de novo esa reunión".

Por último, este operario, detallou que na planta están a realizar "algúns traballos residuais, tanto de produción como de mantemento pero xa orientados a un posíbel desmantelamento, ou sexa, a un fechamento". Aliás, Barro salienta que estes traballadores piden "unha transición xusta, real e que nos teñan ocupados até que cheguen todos estes proxectos que andan por aí no ar, que din que van vir xa que entendemos que se agora mesmo imos ao paro, xa non temos solución, porque cada un terá que buscar a vida polo seu lado".

47 anos de actividade ininterrompida

A semana pasada a central das Pontes queimou as súas últimas reservas de carbón e puxo fin a 47 anos de actividade ininterrompida. Segundo Endesa, empresa que operaba na central, os traballos agora céntranse na desconexión de todas as instalacións para proceder os desmantelamento total.

Comentarios