Persoal da sanidade privada 'ocupa' o Hospital Juan Cardona de Ferrol

Reclaman negociar o novo convenio do sector.
Concentración ante o Hospital Juan Cardona de Ferrol, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración ante o Hospital Juan Cardona de Ferrol, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O persoal da sanidade privada continúa co seu calendario de mobilizacións convocado "ante a falta de avances" na negociación do convenio provincial da Coruña e "as pretensións" da patronal de "recortar dereitos xa consolidados".

Esta cuarta feira, despois do que a CIG considerou dúas xornadas de éxito na pasada semana, as protestas trasladáronse ao Hospital Juan Cardona de Ferrol –propiedade do grupo Ribera Salud, unha das grandes patronais do sector–.

Segundo explicou o responsábel de negociación colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, un grupo de traballadoras e traballadores ocuparon onte a entrada do hospital para realizar un almorzo simbólico. Alí permaneceron até que a Dirección do centro chamou a policía que "convidou" o persoal a desaloxar o centro. A protesta continuou cunha concentración ante o hospital baixo a consigna "A sanidade privada en loita por un convenio xusto"

Tizón denunciou a postura totalmente inmobilista da patronal, que primeiro "rachou" a mesa de negociación e tras a negativa da parte social de acudir a unha mediación que "era unha chantaxe", non "responde ás solicitudes para concretar unha nova data de xuntanza". As mobilizacións continuarán nas vindeiras semanas ante os principais hospitais privados.

Comentarios