Seguimento "masivo" da folga na sanidade privada "malia as manobras e presións da patronal"

Continúan as protestas nos hospitais privados do país na procura de salarios "dignos" e a actualización dun convenio que sexa "xusto" co seu persoal", que esta sexta feira volverá mobilizarse en Compostela. Os sindicatos censuran o "inmobilismo" das empresas.
Protesta diante do Hospital Quirón da Coruña, esta quinta feira, exixindo un "convenio xusto" no sector. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta diante do Hospital Quirón da Coruña, esta quinta feira, exixindo un "convenio xusto" no sector. (Foto: Nós Diario)

As traballadoras e traballadores da sanidade privada da Coruña participaron esta quinta feira na primeira das nove xornadas de folga previstas para reclamar un convenio "xusto" no sector, con "salarios dignos" e unha "mellora real" das condicións laborais. Esta xeira de folgas enmárcase no intenso calendario de mobilizacións que as centrais sindicais teñen convocada no sector e súmase aos paros e protestas que o persoal está a desenvolver desde setembro ante o "inmobilismo", din, da patronal.

A folga, convocada por CIG, UXT e CCOO, afecta todos os hospitais e centros sanitarios da circunscrición rexidos polo convenio provincial e terá continuidade esta sexta feira. O seguimento, afirmou Miguel Tizón, da CIG-Saúde, segue a liña de folgas anteriores e é elevado "malia os intentos da patronal de desacreditar a convocatoria".

Aínda que algo máis irregular é a incidencia no Juan Cardona de Ferrol, nos hospitais HM Modelo e Belén da Coruña e HM A Rosaleda e A Esperanza de Compostela o seguimento é moi elevado, "cos corredores baleiros e colas en admisión", mentres que no Quirón da Coruña "practicamente o 100%" do persoal secundou a folga, asegurou o sindicato. As traballadoras e traballadores concentráronse esta quinta diante do Quirón da Coruña e do HM A Rosaleda de Compostela e na sexta repetirán mobilización ao mediodía diante da Rosaleda.

Que as propias empresas sabían que a folga ía ser un éxito, valora Tizón, evidénciao o feito de que "levan toda a semana presionando as traballadoras e traballadores de maneira verbal e a través de mensaxes corporativas e, onte mesmo [por esta cuarta feira], o Quirón enviou un correo a todo o persoal desacreditando os motivos da folga". A isto Tizón engade as "políticas represivas" desde algunhas direccións contra o persoal en folga, "trasladándoas dos servizos nos que traballan habitualmente".

As centrais sindicais demandan á Inspección de Traballo que comprobe nos centros os "abusivos" servizos mínimos impostos, "porque as empresas están confundindo o que debe ser o servizo esencial coa actividade ordinaria".

Demandas

As mobilizacións medraron tras solicitar a patronal unha mediación, "despois de ter paralizadas as negociacións durante meses". As centrais sindicais ven esta manobra como unha "chantaxe", pois "pretende ir a esa negociación sen retirar as súas propostas de miseria e recortes de enriba da mesa, e coa intención de liquidar o convenio pola mínima, como xa o conseguiu en negociacións anteriores".

As propostas "inmobilistas" da patronal, din, son "inasumíbeis", dado que os incrementos "non garanten a recuperación e o poder do poder adquisitivo do persoal, non se avanza en cuestións básicas na negociación do convenio como a redución da xornada máxima anual para achegala á media do sector, a patronal négase a abordar o pagamento do traballo en domingos e, ademais, pretende recortar dereitos xa recoñecidos como o cobro de 100% nas baixas ou modificar o actual sistema de retribución dos trienios".

Comentarios