O persoal da sanidade privada pide que a Xunta interceda ante o bloqueo da patronal á renovación do convenio

Persoal da sanidade privada da provincia da Coruña concentrouse esta segunda feira ante a sede do Sergas para demandar á Consellaría de Sanidade que “interceda” ante a patronal deste sector, a Asociación de Centros de Asistencia Sanitaria, “co fin de romper o bloqueo na negociación do convenio colectivo”. Neste sentido, representantes da plataforma sindical conformada pola CIG, CCOO e UXT rexistraron ademais un escrito no que solicitan ser recibidos polo conselleiro para poder dar traslado da situación na que se atopa o persoal dos centros. No escrito, a representación sindical explica que a día de hoxe “as negociacións atópanse en puntos moi distantes”, principalmente nos temas de xornadas, táboas salariais e complementos. Segundo afirmou Miguel Tizón, representante da CIG na mesa de negociación, a patronal presentou unha nova proposta que segue apostando pola baixada dos trienios e dos tres primeiros días de baixa e que non inclúe o cobro dos domingos. “Estas eran as tres cuestións ás que nós condicionabamos o acordo”, concluíu.
Protesta do persoal da sanidade privada, esta segunda feira en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Protesta do persoal da sanidade privada, esta segunda feira en Compostela (Foto: Arxina).
Comentarios