Persoal de Comfica, subcontrata de Movistar en Compostela, convoca dúas xornadas de folga

Segundo explica o secretario comarcal da federación de Industria da Confederación Intersindical Galega (CIG-Industria) de Compostela, Benedicto Blanco, o que pretende facer Comfica, que é a contrata de Movistar na zona de Compostela, é quedar con cada vez menos persoal propio e substituílo por outro subcontratado.
Protesta de persoal de Comfica o pasado mes de maio en Compostela (Foto: CIG).
photo_camera Protesta de persoal de Comfica o pasado mes de maio en Compostela (Foto: CIG).

O persoal de Comfica, subcontrata de Movistar e Más Movil (R), ten convocadas dúas xornadas de folga para os vindeiros días 27 e 28 de setembro e concentracións ás 8.30 horas diante da empresa, no Polígono do Milladoiro (Ames). Demandan a readmisión dos compañeiros despedidos e o mantemento do emprego.

Segundo explica o secretario comarcal da federación de Industria da Confederación Intersindical Galega (CIG-Industria) de Compostela, Benedicto Blanco, o que pretende facer Comfica, que é a contrata de Movistar na zona de Compostela, é quedar con cada vez menos persoal propio e substituílo por outro subcontratado. Algo que constatan porque desde o inicio do ano “xa procedeu a cinco despedimentos”, denuncia.

Xunto a isto apunta o obxectivo de empeorar as condicións laborais do persoal subcontratado, “con condicións precarias, xornadas de 12 a 14 horas, os sets días da semana e incumprindo as medidas de seguridade” e mesmo agora de tirar de subcontratas portuguesas que “están vindo aquí facendo unha fraude porque din que son traballadores transfronteirizos, que veñen traballar de segunda a sexta feira, pero en realidade vemos como están traballando tamén en fin de semana”. Unha fraude que, afirma, “se estendería tamén á propia Seguridade Social”.

Convocatoria de folga

O persoal chegou agora ao acordo de convocar estas dúas xornadas de folga porque “polos dous últimos despedimentos que fixeron xa non pasamos”.

Por iso exixen a readmisión destes dous traballadores e que a empresa se comprometa a manter o emprego, canto menos o que hai agora mesmo no centro de traballo porque, “na actualidade xa debemos de estar en 50% de persoal propio e en 50% de subcontratas”.

Blanco advirte que “non lles é abondo aínda isto, senón que o que queren é practicamente chegar a 100% de subcontratas” como xa pasou no centro de traballo de Ourense que “veñen de desmantelar hai dous ou tres meses".

“Un centro de traballo que quedou deserto e no que só quedan unha ou dúas persoas no almacén para darlle o material ás subcontratas desta subcontrata”, indica Blanco.

Ameazas

Tamén rexeitan as ameazas da empresa, que ante a convocatoria de folga dixo que a ía haber máis despedimentos. “Ante esas ameazas, desde logo, o que non imos é entrar no seu xogo”, sinala e advirte que “se estas xornadas de folga non son suficientes e non queren sentar a falar e readmitir a eses compañeiros despedidos decidiremos novas datas de protestas”.

Comentarios