Persoal dos centros loxísticos de Inditex solicita melloras laborais

Decenas de persoas concentráronse en Arteixo.
Protesta de persoal dos centros loxísticos de Inditex (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Protesta de persoal dos centros loxísticos de Inditex (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Traballadoras e traballadores de Inditex concentráronse esta segunda feira fronte á sede da multinacional en Arteixo (A Coruña) para reclamar á empresa un acordo marco que regule a igualdade de dereitos do persoal laboral, "independentemente do centro loxístico no que traballen".

Moitas das proclamas dirixidas polas decenas de operarios e operarias de centros loxísticos de todo o Estado español concentradas ante a sede de Inditex dirixíronse á actual presidenta do grupo téxtil, Marta Ortega.

O persoal que se manifestou ocupou algúns carrís da Avenida que dá acceso ao complexo da empresa e, tempo despois, conseguiu entrar ao recinto de Inditex, aínda que sen lograr acceder aos edificios principais.

"Levamos 10 anos reivindicándolle a Inditex a necesidade dun espazo de diálogo social no que esteamos representados todos os centros loxísticos do grupo. Espazos de diálogo social que xa existen noutros sectores da mesma multinacional", explicou Ainhoa Salvador, da sección Interempresas de Comisións Obreiras do grupo Inditex.

Ademais, Salvador matizou que un acordo marco non supón "acabar coa negociación propia de cada centro loxístico", algo que, denunciou a sindicalista, está a utilizarse como "argumento para enganar dunha forma pouco ética ao persoal".

Entre as desigualdades que citou atópase a diferenza de permisos retribuídos. "Como é posíbel que nun permiso en caso de falecemento os días que che correspondan sexan en función de se traballas nun centro ou outro, como é posíbel que unha axuda social teña un importe maior ou menor en función do centro loxístico onde traballas?", preguntouse a representante do persoal.

"Hai que garantir a carga de traballo, os investimentos e o emprego en todos os centros loxísticos e iso só se poderá facer mediante un acordo marco. É necesario atallar a subcontratación, tanto das tarefas propias como das que non o son, posto que se subcontratan empresas en peores condicións que as nosas. E é necesario fixar un salario mínimo na loxística, así como unha xornada máxima, de tal forma que se mañá abren un centro de traballo novo, as persoas que traballen nel non teñan que rexerse polos convenios coas súas garantías mínimas até que teñan capacidade de negociar o seu propio acordo de condicións", defendeu. 

Esta segunda feira, Inditex fechou a sesión ao bordo dos seus máximos históricos de xuño de 2017, ao marcar un prezo de 36,33 euros por acción. Hai seis anos alcanzara os 36,66 euros por acción.

Comentarios