Inditex bate o seu récord de beneficios nun primeiro trimestre: 1.168 millóns de euros

As vendas, pola súa parte, medraron por volta de 13% en comparanza co primeiro trimestre de 2022 e alcanzaron os 7.611 millóns de euros, segundo apuntan desde a multinacional.
A presidenta de Inditex, Marta Ortega. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta de Inditex, Marta Ortega. (Foto: Europa Press)

Inditex rexistrou un beneficio neto de 1.168 millóns de euros durante o primeiro trimestre do seu exercicio fiscal 2023-2024 —entre o 1 de febreiro e o 30 de abril—, o que supón un incremento de 54% a respecto dun ano antes, grazas a un "forte" desempeño operativo, segundo informou esta cuarta feira o grupo. Sen a provisión de 216 millóns de euros por Rusia e Ucraína realizada no primeiro trimestre de 2022, o beneficio neto sería de 940 millóns de euros.

As vendas, pola súa parte, medraron por volta de 13% en comparanza co primeiro trimestre de 2022 e alcanzaron os 7.611 millóns de euros, cunha evolución "moi satisfactoria" tanto en tenda como 'en liña'. As vendas a tipo de cambio constante incrementáronse en 15%.

O grupo fundado por Amancio Ortega destacou que as vendas foron positivas en todas as áreas xeográficas e en todos os formatos. Aliás, a marxe bruta creceu 14%, até 4.603 millóns de euros, e situouse en 60,5% (+34 puntos básicos fronte ao primeiro trimestre de 2022). Os gastos operativos subiron 13%, por baixo do crecemento das vendas.

O resultado operativo (Ebitda) aumentou 14%, até os 2.195 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) medrou 43%, até 1.483 millóns de euros, e o resultado antes de impostos, 52%, até 1.505 millóns de euros. A posición financeira neta creceu 14%, até 10.508 millóns de euros ao remate do primeiro trimestre do seu último ano fiscal.

"En liña coa sólida execución do modelo de negocio, os fluxos xerados incrementáronse de forma destacada", destacaron desde Inditex. Debido ao "forte" desempeño operativo durante o primeiro trimestre fiscal e á normalización nas condicións da cadea de subministración, o inventario subiu 5% a 30 de abril de 2023. No primeiro trimestre fiscal, a compañía realizou aperturas en 17 mercados. Ao feche do período, Inditex operaba 5.801 tendas.

"Continuamos experimentando unha evolución moi positiva na venda 'en liña' e esperamos unha participación crecente da mesma na venda total do grupo", sinalou o grupo, que, aos tipos de cambio actuais, espera un impacto divisa de -2,5% nas vendas en 2023.

Comentarios