Persoal antiincendios da Xunta recorre á valedora do Pobo para pedir que se regulen as súas condicións

A CIG critica que os departamentos de Facenda e Medio Rural "ignorasen" a súa solicitude de negociar as condicións laborais con carácter previo á funcionarización.
Persoal antiincendios coa valedora do pobo (Foto: CIG).
photo_camera Persoal antiincendios coa valedora do pobo (Foto: CIG).

Traballadores do servizo de prevención de incendios (SPIF) e membros do sector de Autonómica da Confederación Intersindical Galega (CIG) presentaron unha queixa ante a valedora do Pobo para reclamar á Xunta un acordo marco que regule as súas condicións de traballo.

Así, a secretaria de CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, avisou do "caos" existente no operativo de extinción de incendios como consecuencia da funcionarización de "ao redor de 500 traballadores sen regular antes as súas condicións laborais".

Denuncia que a Dirección Xeral de Defensa do Monte "está a cambiar fórmulas de traballo, protocolos e funcións do persoal mediante o envío de circulares". "Isto fai que a situación sexa insostíbel, polo que vimos de demandarlle á defensora que inste a que haxa unha negociación e se paralice este 'ordeno e mando' da Consellaría", agrega.

Burgos explica que este recente proceso de funcionarización deixou aos traballadores afectados fóra do V Convenio Colectivo Único e o seu anexo de aplicación para o persoal do SPIF. "Esta falta de regulación de case a metade do servizo afecta por extensión ao resto dos 2.200 bombeiras e bombeiros forestais cos que comparten brigada, medios e traballo na extinción de incendios forestais, o que pon en risco de forma directa o servizo público e a saúde e seguridade do persoal".

De tal forma, a sindicalista da CIG adiverte de que esta situación está a dar lugar a que haxa brigadas "traballando con dúas persoas, sen que ningunha delas poida exercer a coordinación ou a xefatura desa brigada", de forma que algún xefe de brigada "se ten que encargar doutras catro nun fogo que non teñen" ese cargo.

“Ignoraron a solicitude”

A CIG critica que os departamentos de Facenda e Medio Rural "ignorasen" a súa solicitude de negociar as condicións laborais con carácter previo á funcionarización, "proceso que ademais tivo lugar o pasado 3 de xullo, xusto ao comezo da campaña de incendios foerstais e sen prever as consecuencias" para "case una terceiro parte do persoal".

"Non nos queda outra que acudir á valedora", expoñen, fronte a un "proceder habitual da Consellaría de regular condicións de traballo e funcións sen negociación colectiva", que "non se pode volver repetir".

Comentarios