Novo intento para unha solución negociada á folga do lixo en Lugo

Empresa e comité de folga reuniranse co mediador esta sexta feira após Urbaser dar a coñecer máis unha proposta que pasaría por xudicializar despedimentos e sancións. 

Após 47 días de paro concesionaria e persoal tentarán procurar unha solución negociada ao conflito da recollida de lixo na cidade amurallada. Será esta sexta feira ás 11.00 a.m. Coa mediación do Consello galego de relacións laborais ambas as dúas partes avaliarán as propostas achegadas logo de que Urbaser manifestase publicamente que está a valorar unha nova oferta. 

A proposta que achegará a empresa presenta un convenio colectivo a tres anos (2014-2015-2016) que abranguería as cuestións sociais do anterior e incrementar os salarios de acordo coa suba do IPC mais introduce un novo elemento a respeito das sancións e despedimentos. Urbaser propón xudicializar o maior punto de confronto entre o cadro de persoal e a empresa de maneira que sexa a xustiza quen decida como fican. 

Urbaser propón que sexa a xustiza quen determine o futuro das sancións e despedimentos

Desde o comité de folga, Carmen Antas (CIG) asegurou que avaliarán a proposta na mesa de negociación "e non fóra" pois até o momento, dixo, non teñen coñecemento da mesma máis que através dos medios de comunicación. "Faremos unha valoración mañá e agardamos que a empresa faga o mesmo coa proposta que remitimos ao Consello". 

A asemblea de traballadoras e traballadores de Urbaser propuxeron un convenio a tres anos (2014-2016), con subas salariais do 60% do IPC real fixado para o ano anterior con contías de 100, 150 e 200 euros lineais sen consolidar para cada ano. Ao finalizar o convenio --o 1 de xaneiro de 2017-- consolidaríanse 450 euros --contía que percibiron durante os últimos tres anos). 

Asemade, sinala que as prazas vacantes só se cubrirían nun 50% por persoal que traballa nas fins de semana e días feriados. Ao mesmo tempo que non estabelece mudanzas na xornada laboral d@s traballadoras e traballadores con xornada de luns a domingo.

A asemblea de traballador@s defende a contraoferta presentada a comezos da semana

O outro actor no conflito, o Concello de Lugo, decretou na xornada de onte (23 de xullo) uns novos servizos mínimos do 100%. A asemblea de operari@s aceptou dar cumprimento ao mesmo porque, din, "vencella directamente os mesmos a cuestións de risco sanitario".

Neste senso, o comité de folga afirmou que non permitirán á empresa acusar @s traballadoras e traballadores de xerar unha alarma sanitaria. "Igual que desde o inicio da Folga e como ocorreu o dia 13 de Xuño cando apareceron decretados por sanidade os tres primeiros puntos de risco sanitario na cidade a plantilla sempre se ofreceu a cubrir eses servizos", sinalan desde o comité. 

Comentarios