Novo accidente laboral: morre atropelado un operario de guindastre mentres auxiliaba un vehículo en Santiago

O home, de 56 anos, foi atropelado na autovía AG-56 esta pasada noite.
Guindastre da compañía Castmart, onde traballaba o falecido. (Foto: Grúas Castmart)
photo_camera Guindastre da compañía Castmart, onde traballaba o falecido. (Foto: Grúas Castmart)

Un operario de guindastre morreu após ser atropelado na noite da pasada terza feira mentres auxiliaba un vehículo avariado na autovía AG-56, no quilómetro 1.4, ao seu paso por Santiago de Compostela.

Segundo informan fontes do 112-Galiza citadas pola axencia Europa Press, sobre as 22.45 horas recibiu a chamada dun particular informando deste atropelo na autovía. Inmediatamente deuse aviso a Urxencias Sanitarias, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil, entre outros.

O home, de 56 anos de idade e veciño de Pontecesures (comarca de Caldas), era traballador de Grúas Castmart. O funeral será na tarde desta quinta feira na igrexa de San Xulián, en Pontecesures. A Asociación Nacional de Empresas de Auxilio na Estrada emitiu un comunicado no que lamenta este falecemento e expresa as súas condolencias a familia e amigos.

Comentarios