Novas xornadas de paro no transporte público de Vigo

O comité de Vitrasa convoca dúas novas xornadas de folga ante a "ridícula" oferta da empresa para o convenio

Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)
photo_camera Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte público do Concello de Vigo, convocou dúas novas xornadas de folga e paros parciais ante a "ridícula" oferta da empresa para o convenio colectivo.

En concreto, será esta sexta feira, 30 de xuño, e a cuarta feira, 5 de xullo, cando traballadores e traballadoras da empresa leven a cabo dúas xornadas de folga de 24 horas, con manifestacións que partirán ás 8 horas da sexta feira desde a praza América e ás 19.30 horas a cuarta feira desde Samil.

Ademais, anunciaron novos paros parciais esta mesma terza feira, día 27, entre as 12.30 e as 15.30 horas, e a sexta feira, 7 de xullo, entre as 19.45 e as 21.15 horas.

Convenio “caducado”

Nun comunicado, a representación dos traballadores e das traballadoras lamentou a "negativa" da empresa para negociar un convenio colectivo “caducado a finais de 2020”, ante as "ridículas" ofertas expostas pola compañía, que dan a entender que "non ten en absoluto intención de chegar a ningún tipo de acordo".

O comité reclamou unha actualización salarial, así como melloras laborais que inclúan máis descansos durante a xornada ou horarios máis flexíbeis, entre outros.

"Debemos lembrar que Vitrasa leva 55 anos operando en Vigo e unicamente nos tres últimos anos diminuíron os ingresos pola redución de viaxeiros provocada pola pandemia da Covid-19. Con todo, o resto de anos a empresa acumulou cuantiosas ganancias, que en ningún caso beneficiaron o seu persoal", reivindicaron desde o comité.

O comité asegura que Vitrasa dispón de até 30 millóns de euros no seu haber e que recibiu do Concello de Vigo 5,7 millóns entre 2020 e 2021 para diminuír o impacto da Covid-19.

"A pesar destas axudas, a empresa segue negándose a sentar a negociar até obter máis ganancias nas súas contas que virán dun reequilibrio que lle esixe ao Concello, solicitándolle entre outros, un beneficio de 8% que non obtivo", sentenciou o comité, que lamentou as molestias que estes paros provocarán ás persoas usuarias do transporte público vigués.

Comentarios