domingo 07.06.2020

"Non se traslada ao papel que está prohibido despedir”, alerta a CIG

A CIG reaxiu este sábado ao novo decreto aprobado onte polo Goberno español. O secretario xeral, Paulo Carril, sinalou que o documento “volve ser unha fraude”, polas diferenzas, dixo, que hai entre o que se di nas roldas de prensa e o que se publica no BOE.

Paulo Carril, nunha foto de arquivo.
Paulo Carril, nunha foto de arquivo.

Carril criticou a “non retroactividade” das medidas, pois deixan “completamente desprotexido o persoal temporal e de Empresas de Traballo Temporal (ETT), que foi despedido sen piedade nas últimas semanas”.

“Tampouco se dá solución para quen solicitou sen resposta a adaptación ou redución da xornada laboral, para as empregadas do fogar, nin hai certezas nas contías e datas de cobro do desemprego”, sinalou.

En relación aos ERTE, Carril asegurou que a “axilización” do procedemento para revisar as causas vai dar lugar a un recoñecemento masivo e “por defecto” que propiciará moitos abusos empresariais. Aínda que se abre a porta á revisión deses abusos e se estabelecen sancións para aquelas solicitudes que se consideren fraudulentas “a propia medida confirma que o sistema de ERTE xeneralizados é un convite á fraude empresarial”.

O secretario xeral da CIG cargou contra UXT e CCOO por, xunto coa patronal, asinar un acordo o pasado 12 de marzo "que sentou as bases deste camiño que hoxe se demostra fatal".

Na comparecencia, que tivo lugar antes de coñecerse as novas medidas decretadas polo Goberno estatal, Carril volveu reclamar a paralización de toda actividade non esencial e de actuacións sociais que contribúan a paliar a situación.

comentarios