“É necesaria unha folga xeral para enfrontar a grave situación de precaridade e explotación”

Centos de delegados e delegadas da CIG participaron en Compostela na Asemblea Nacional para quentar motores cara ágreve xeral para a que a central sindical propón o 19 de xuño.

CIG greve xeral

“As únicas folga xerais que fracasan son as que non se fan”.  Así se expresou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, perante os delegados e delegadas da central sindical que esta cuarta feira ateigaban o Pazo de Congresos de Compostela. Delegados e delegadas de diferentes sectores e comarcas que acudiron á Asemblea Nacional para tratar as conclusión das asembleas celebradas nas distintas comarcas, sectores e centros de traballo en torno á convocatoria de greve xeral, para a que a central sindical xa apuntou como data o vindeiro día 19 de xuño.

greve xeral cig

“É necesaria unha folga xeral para enfrontar a grave situación de precaridade e explotación que estamos a vivir, cada vez máis agravada e asentada. Dende a CIG optamos por dar unha resposta contundente e sen medo como sempre fixo a clase obreira galega”, manifestou Carril. “Decidimos actuar, intensificar a mobilización porque necesitamos recuperar os nosos dereitos, os salarios, derrogar a reforma laboral, da negociación colectiva, das pensións, e reforzar a capacidade para acabar cos ataques aos dereitos das mulleres”.

Para o secretario xeral da central nacionalista, “a folga xeral é a nosa moción de censura a este réxime corrupto e podre que pretenden manter a toda costa. As súas políticas podémolas tumbar, pero tendo presente que os dereitos hai que conquistalos coa mobilización e a loita e non co pacto social”.

Apoios

Antes de intervir o secretario xeral tomaron a palabra representantes de diferentes sectores. Xesús Sánchez, da Xustiza, falou sobre a prolongada loita do persoal da administración deste servizo público. María Xosé Abuín denunciou como o PP favorece á sanidade privada e Berto Gonzalves denunciou a represión contra traballadoras e traballadores por exercer o dereito á folga. “Queren meternos medo, pero o exemplo de Carlos e Serafín demostra que só a través da loita conseguiremos avanzar na mellora das nosas condicións de vida”.

Carlos de la Fuente, en nome do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, chama a parar masivamente e saír á rúa na folga porque “a defensa dunhas pensións públicas dignas é unha loita de toda a clase traballadora”. A loita do sector de ambulancias ou contra os falsos autónomos tamén estivo presente nas intervencións.

paulo carril cig greve xeral

O secretario confederal de negociación colectiva da CIG, Francisco Sío, chama a greve para demandar un marco galego de relacións laborais “que nos permita escapar dese artigo 155 que o Goberno español está a aplicar á negociación colectiva galega”. E Marga Corral denunciou que embora o “éxito rotundo da folga do 8 de marzo, os gobernos non deron pasos para incorporar nin unha soa das nosas demandas”.

Finalizada a Asemblea Nacional, os delegados e delegadas saíron en manifestación até a sede administrativa da Xunta baixo a consigna “Nin un paso atrás, folga xeral”.

Comentarios