Morre o histórico sindicalista vigués Waldino Varela, a quen os golpistas do 23-F quixeron fusilar

O seu nome aparecía nas 'listas de sangue' que os falanxistas terían utilizado no caso de ter triunfado o golpe de Estado de Tejero.
Waldino Varela (segundo pola esquerda) xunto a compañeiros do Partido Comunista da Galiza. (Foto: Mundo Obrero)
photo_camera Waldino Varela (segundo pola esquerda) xunto a compañeiros do Partido Comunista da Galiza. (Foto: Mundo Obrero)

O sindicalista vigués Waldino Varela Martínez faleceu esta segunda feira aos 92 anos de idade, deixando atrás un legado de toda unha vida loitando na defensa do movemento obreiro.

Desde CCOO choran o pasamento do que foi un dos seus fundadores: "Waldino fóisenos, pero os seus principios e as ideas que defendeu están moi vivas nas Comisións Obreiras", subliña esta terza feira a secretaria xeral do sindicato na Galiza, Amelia Pérez.

Varela, que comezou a traballar nos estaleiros de Vulcano con só 14 anos, "forma parte da valiosa memoria da loita obreira", e a súa figura e traxectoria "inspiraron e guiaron varias xeracións de sindicalistas", afirma a dirixente de CCOO.

Folga de 1972

Waldino Varela foi unha das cabezas visíbeis do sindicalismo nos últimos anos da ditadura e xogou un papel importante na histórica folga xeral de 1972, que o próximo mes de setembro fará medio século.

As mobilizacións obreiras foron duramente reprimidas pola Policía española, que detivo e torturou numerosos dirixentes sindicais e varios centos, entre eles o propio Waldino, perderon os seus empregos.

"Compañeiras e compañeiros como Waldino construíron os piares sólidos sobre os que asenta a nosa organización, protagonista indiscutible no tránsito da nosa sociedade da ditadura cara á democracia e unha referencia para a clase traballadora galega", sostén Amelia Pérez.

'Listas de sangue' do 24-F

O nome de Waldino Varela aparece tamén nas 'listas de sangue' que os golpistas do 23 de febreiro de 1981 elaboraran para sinalar as persoas que serían fusiladas ao día seguinte, no caso de ter triunfado o golpe de Estado.

Fragmento das 'listas de sangue' no que aparece o nome de Waldino Varela.
Fragmento das 'listas de sangue' no que aparece o nome de Waldino Varela.

Nesta listaxe podían lerse tamén os nomes doutros referentes do sindicalismo como o ferrolán José Cagiao ou activistas políticos como Xosé Luís Méndez Ferrín, Valentín Paz Andrade ou Camilo Nogueira, así como escritores como Manuel Rivas ou María Xosé Queizán.

Comentarios