Mobilización contra o reparto de fondos europeos a empresas contaminantes

"Os cartos deben servir para recuperármonos da crise, mais tamén para comezarmos unha mudanza sistémica que evite as peores consecuencias do cambio climático", censuraron as entidades convocantes.
Escenificación teatral de " como a Xunta só está a falar con grandes empresas" no reparto dos fondos 'Next Generation' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Escenificación teatral de " como a Xunta só está a falar con grandes empresas" no reparto dos fondos 'Next Generation' (Foto: Nós Diario).

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos, xunto co Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, mobilizouse este sábado ante a sede de Reganosa (industria do gas fósil) para denunciar a "falta de transparencia" e a "ausencia de participación pública" no reparto dos fondos europeos 'Next Generation', así como para exixir unha distribución "xusta e sustentábel" dos mesmos.

Na concentración puideron verse pancartas con mensaxes como "Non máis diñeiro para empresas contaminantes" ou "Reparto xusto dos fondos europeos", e as persoas participantes escenificaron teatralmente "como a Xunta só está a falar con grandes empresas, deixando de lado á sociedade civil".

Segundo as entidades convocantes, "malia que queda moito por saber" sobre o reparto dos cartos, "todo apunta a que as grandes beneficiadas van ser máis que nada grandes corporacións e elites económicas".

"No entanto, as contrapartidas en forma de reformas laborais e de pensións pagarémolas todas. Se pagamos todas, decidimos todas", afirmou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e voceira da Coordinadora.

Falta de transparencia

Así as cousas, denunciaron que, "no medio da opacidade existente", a Xunta da Galiza "vén de crear unha sociedade con Reganosa, Abanca e Sogama destinada á planificación estratéxica de iniciativas, mais que exclúe a sociedade civil".

Os colectivos convocantes censuraron o caso concreto de Reganosa, "unha empresa participada pola Xunta, con cinco sentenzas en contra do Tribunal Supremo, sen autorización administrativa, emprazada nun lugar de risco para a poboación e que co seu sistema de regasificación a base de hipoclorito contribúe á actual crise ambiental e de produción da ría de Ferrol".

"A industria do gas non pode ser incluída na loita contra o cambio climático nin é aceptábel que reciba fondos de recuperación. Os cartos deben servir para recuperármonos da crise, mais tamén para comezarmos unha mudanza sistémica que evite as peores consecuencias do cambio climático, non para consolidar a industria dos combustíbeis fósiles e afianzar ou mesmo ampliar a infraestrutura gasística", dixo Manoel Santos, tamén voceiro da Coordinadora, para quen esta cuestión "non ten nada que ver coa transición ecolóxica que os 'Next Generation EU' teñen que garantir".

Comentarios