O mínimo exento do IRPF actualizarase á par que o aumento do salario mínimo

Facenda anuncia o estabelecemento da medida para o ano 2024.
A ministra española de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
photo_camera A ministra española de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).

O Goberno español incrementará o mínimo exento no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) en 2024, co obxectivo de actualizalo coa nova suba do salario mínimo interprofesional (SMI), segundo confirmou o Ministerio de Facenda.

A pasada semana anunciouse unha suba de 5% do SMI, até os 1.134 euros. Desde Facenda aseguraron que xa están a traballar nesta medida para o IRPF, que sería aprobada en paralelo á suba do salario. Por tanto, habería un aumento do mínimo exento no imposto en 2024.

O Ministerio indicou que a normativa sobre o cambio nas retencións do IRPF que implicaría a suba do mínimo exento aprobarase no mesmo Consello de Ministros e Ministras no que se dea luz verde ao aumento do SMI, que en principio non está previsto que sexa na convocatoria desta terza feira. Despois mudarase a normativa do IRPF, probabelmente nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2024.

Os ERTE de pandemia son embargábeis, di o Supremo

O Tribunal Supremo (TS) español aclarou que as axudas públicas recibidas por persoas traballadoras e empresas sometidas a expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) durante a pandemia da Covid son embargábeis para saldar débedas, aínda que fixou o mesmo límite que cos salarios, equivalente á contía do SMI, para garantir un "mínimo vital" que permita á cidadanía levar unha "existencia digna".

A Sala do Contencioso-Administrativo do TS pronunciouse así no caso de dous traballadores sometidos a ERTE pola pandemia e aos que a Seguridade Social embargara estas axudas para saldar as débedas que contraeran coa súa Tesourería.

Comentarios