A pandemia agravou a precariedade laboral xuvenil, que ficou con menos protección nos ERTE

A crítica situación laboral da mocidade galega, en especial das mulleres, é a principal conclusión do informe presentado onte polo Consello Económico e Social da Galiza (CES). O estudo analiza a crise actual comparándoa coa de 2008 co obxectivo de ofrecer un diagnóstico dos problemas relacionados coa empregabilidade na Galiza. 
Intervención de Alberto Meixide presentando o informe sobre "A empregabilidade da mocidade na Galiza".(Riobó Prada).
photo_camera Intervención de Alberto Meixide presentando o informe sobre "A empregabilidade da mocidade na Galiza". (Foto: Riobó Prada).

As consecuencias da anterior recesión económica estanse a manifestar de novo na actual situación de pandemia. É unha das conclusións do "Informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza", presentado esta cuarta feira na sede do CES, un estudo que toma como referencia o período que comprende as dúas crises, a de 2008 e a actual froito da Covid-19.

Para Alberto Meixide, un dos autores do informe, moitos dos efectos que atoparon proceden da "sensibilidade cíclica diante das crises". Ademais, recoñece que decisións como a reforma laboral de 2012 "introduciu máis elementos de precariedade no mercado laboral".

Os datos que achegan sinalan que desde 2008 até 2020, Galiza perdeu un terzo da poboación xuvenil en idade de traballar e a metade das persoas afiliadas do grupo máis novo á Seguridade Social. En termos absolutos pasouse de contar con 213.824 persoas afiliadas en 2008 até 107.265 en 2020. Segundo o estudo "todo apunta a que han de pasar moitos anos para volver alcanzar as cifras de 2008".

O número de persoas inactivas de 16 a 24 anos practicamente permaneceu estabilizado entre 2008 e 2019 o que implicou unha progresiva caída na taxa de actividade. Nos tres primeiros trimestres de 2020 o número de persoas inactivas situouse no 53,9% da poboación total de 16 a 29 anos. Un dos datos que máis preocupan é o aumento de mozas e mozos que non traballan, que pasou de 1,4% en 2017 até 2,5% en 2019 e manténdose na pandemia. Nese colectivo as mulleres duplican os homes. 

Destrución de emprego xuvenil na crise

Os resultados da ocupación que amosa o informe mostran que a crise destruíu unha cantidade inxente de emprego xuvenil. De 2008 a 2014 pasouse de 241.599 persoas ocupadas a 118.336, cunha traxectoria moi descendente e cunha destrución de emprego cada ano, nunha media, de 11,2%. A partir de 2015, se ben se conseguiu frear a redución na ocupación, o mercado mantívose estábel e foi incapaz de recuperar o perdido nos anos da crise. Desde 2015 a 2019 o crecemento medio foi de tan só un 0,9%. A taxa de desemprego, a maiores, achégase na Galiza a 30%, moi lonxe de 6% de Alemaña ou da República Checa.

Os resultados sobre ocupación nos tres primeiros trimestres de 2020 volveron pór de manifesto que mozas e mozas son, de novo, o colectivo máis vulnerábel nesta nova crise actual. "A utilización do instrumento dos expedientes de regulación de emprego (ERTE)", segundo o informe, "agrandou a fenda xa existente entre as persoas ocupadas máis novas con respecto ás de maior idade". 

Contratos precarios e efecto “amortecedor”

Na crise anterior e na actual o emprego xuvenil serviu, segundo o informe "como amortecedor na economía galega: despedidos durante as recesións e contratados durante a crise da Covid-19 non foi unha excepción". Sinala, neste sentido, que son "unha reserva de emprego pola elevada cota de traballadores novos que ocupan empregos temporais en comparación coa media europea". Asegura que os ERTE "protexeron menos emprego xuvenil que os empregos de traballadoras e traballadores maiores de 30 anos, xa que os seus contratos non se renovaron a finais de febreiro ou principios de marzo, é dicir, antes de que tivera lugar o ERTE". 

Peor situación para as mulleres

Por último, o efecto sectorial incide na peor situación laboral das mulleres e coincide tamén na mocidade. As actividades que perderon máis emprego son os servizos de comidas e bebidas e o comercio ao retallo, ambos moi feminizados. O peso relativo das mulleres en paro duplica o dos homes. Do terceiro trimestre de 2019 ao mesmo de 2020, o emprego masculino xuvenil diminuía en 1.200 persoas e o das mulleres facíao en 4.500.

Comentarios