O metal volve ás rúas de Vigo e anuncia dúas xornadas máis de folga

Esta cuarta feira, novamente, pararon a súa actividade estaleiros e talleres.
Manifestación do sector do metal en Vigo o pasado 28 de xuño. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Nova manifestación do sector do metal en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Milleiros de traballadores do sector metal da provincia de Pontevedra volveron manifestarse unha xornada máis polas rúas de Vigo en demanda dun convenio xusto, e advertiron de que manterán as mobilizacións. De feito, anunciaron dúas xornadas máis de folga os próximos 12 e 13 de xullo que se suman aos paros xa convocados os días 6 e 7 do vindeiro mes. Os representantes sindicais afearon á patronal que trate de presionar para que se desconvoquen as mobilizacións, algo que ven como unha "provocación", xa que consideran que a parte empresarial non ten actitude de diálogo nin de retomar os contactos para chegar a un acordo.

Esta cuarta feira, novamente, pararon a súa actividade estaleiros e talleres, e uns 2.000 traballadores saíron en manifestación desde primeira hora da mañá. A marcha partiu da praza de España e, tras percorrer varias rúas da cidade sen incidentes —agás un contedor queimado—, concluíu na rúa Venezuela, fronte á sede do Concello de Vigo.

O portavoz da CIG, Xulio Fernández, advertiu que a resolución do conflito "vai depender da patronal", á que acusa de facer chamamentos públicos pero non dar pasos para retomar a negociación. Respecto diso, referiuse ao comunicado da parte empresarial pedindo a suspensión da folga para retomar as reunións, e sinalou que se trata dunha "provocación clara" e que "non son ganas de negociar". Fernández avanzou que as protestas continuarán nos próximos días mentres non se resolva o conflito laboral: "Chegaremos até onde os compañeiros aguanten, e están a aguantar e van aguantar moito máis. Aquí seguen, mesmo despois das cargas [policiais]".

Pola súa parte, o portavoz de CCOO, Celso Carneiro, lembrou que os convenios provinciais da Coruña, Lugo e Ourense asináronse en termos semellantes ao que eles demandan. "É que a patronal de Pontevedra é diferente?", cuestionou, e subliñou que a manifestación deste mércores "é unha mensaxe" aos empresarios para que "se deixen de tourear" e acceden a retomar a negociación, porque "están a xogar a trileiros e vailles a saír mal". Tamén defendeu que os traballadores do sector están a mobilizarse de forma pacífica, que "non son vándalos nin terroristas".

Finalmente, José Carlos Casal, de UXT, afirmou que "é unha tristeza que a patronal aposte polo conflito e non polo diálogo", e lembrou que os representantes dos traballadores apostan por subas salariais, cláusulas de revisión e redución de xornada.

Críticas á actuación policial no Ifevi

A pasada cuarta feira o persoal do metal protagonizou unha multitudinaria concentración ás portas do Ifevi de Vigo, en cuxo interior decorría a Feira Mindtech, organizada pola patronal do sector, Asime, tras unha manifestación cuxa marcha foi bloqueada por un forte dispositivo policial.

Os responsábeis das organizacións sindicais convocantes da manifestación (que contaba con autorización) intentaron sen éxito que a marcha continuase negociando coa forzas antidisturbios, que optaron por realizar varias cargas empregando pelotas de goma que deixaron ducias de persoas feridas.

En resposta, a CIG exixiu a dimisión do delegado do Goberno español, Pedro Branco, pola "desproporcionada" actuación policial, así como por impedir unha manifestación autorizada.

A Feira Mindtech, organizada pola patronal do metal, concluíu a pasada cuarta feira tras recibir finalmente unhas 7.000 visitas, 70% da afluencia que se esperaba, unha situación que a organización atribuíu ás manifestacións do persoal do metal na contorna do Ifevi.

Comentarios