O metal volve á rúa por un convenio digno

Van dous anos do comezo da negociación do convenio de siderometalurxía da provincia da Coruña. As centrais critican o inmobilismo da patronal. Esta terza feira, 30 de maio, o sector provincial maniféstase na Coruña.

Concentracion Convenio metal
photo_camera Concentracion Convenio metal

Unha manifestación sairá ás 20:30 horas desta terza feira, 30 de maio, da Praza da Palloza da Coruña para demandar a recuperación de dereitos e un convenio digno para o sector do metal da provincia coruñesa. É un paso máis no calendario de mobilizacións e protestos que os traballadores levan semanas realizando. A primeira delas, a concentración de delegados perante a Confederación de Empresarios. "Ou ben hai un cambio de actitude e comezan a materializarse acordos ou do contrario  a vontade do sector é continuar coas mobilizacións, sen descartar  incluso a posibilidade dunha folga no metal", indicaban naquel entón.

Os sindicatos lembran que van dous anos desde o inicio da negociación do convenio e que a patronal mantén unha actitude de bloqueo. “Non acepta practicamente ningunha das reivindicacións presentadas pola parte social, pretendendo liquidar a negociación sen ningunha mellora substancial para os traballadores do sector", como apontan desde CIG-Industria.

A negociación está estancada, recoñecen as centrais, que acusan a patronal de teimar na idea “de eliminar dereitos xa conquistados, como a  revisión salarial, e busca afondar aínda máis na distribución irregular da xornada”.

Comentarios