O COMITÉ AVALÍA MOBILIZACIóNS CONTRA O ERE PRESENTADO POLA SIDERúRXICA

Megasa prevé despedir o 30% do cadro de persoal

A siderúrxica propuxo ao comité de empresa un ERE que inclúe a destrución de 47 postos de traballo. Megasa desvinculou a decisión da poxa eléctrica. O persoal debaterá esta cuarta feira a situación e sobre a mesa está a hipótese de organizar mobilizacións contra os despedimentos.

Megasa Galicia ártabra
photo_camera Megasa [Imaxe Galicia Ártabra]

Esta cuarta feira (17 de decembro) o comité de empresa de Megasa trasladará ao cadro de persoal a proposta achegada pola dirección da siderurxia e debaterá un calendario de mobilizacións co que amosar o rexeitamento do plantel á medida proposta pola factoría. 

E é que Megasa propón un despedimento colectivo que abrangue o 30% do cadro de persoal. Isto é, 47 das 169 persoas que actualmente traballan na planta localizada en Narón. A dirección da siderurxia atribúe a decisión a razóns "produtivas e organizativas" ao tempo que a desvincula da poxa eléctrica e do proceso de irrumpibilidade. "Polo de agora na documentación nin vimos ningunha alusión á irrumpibilidade" explicou o presidente do comité de empresa, Carlos Bascoy

Bascoy asegurou que as razóns da empresa apuntan un incremento do custe da luz "en xeral" como un dos motivos polo que se tería encarecido o produto dificultando a súa comercialización no mercado. Porén, "a empresa asegura" que "non hai demanda" polo que "ten que reducir a produción". Desde o comité advirten que Megasa deberá "demostrar que é como di" perante o Consello galego de relacións laborais onde se negocia o ERE ao non existir acordo entre as partes. 

O que si se prevé é a introdución de mudanzas nas condicións laborais do resto do cadro de persoal pois a redución das quendas de traballo --que pasarían de tres a dúas-- implicaría a perda do plus de nocturnidade.

Comentarios