sábado 04.07.2020

Indignación sindical cos despidos a persoal con limitación física en Televés

Comité de empresa, CIG, UXT e CCOO denuncian que a compañía non adaptou os postos segundo a Lei de prevención de riscos laborais.

Antenas de Televés (Hartele)
Antenas de Televés (Hartele)

O comité de empresa de Televés no centro de traballo de Conxo en Compostela e as centrais sindicais CIG, UXT e CCOO amosan a través dun comunicado a súa “máis rotunda indignación” polos despidos producidos o pasado 31 de outubro de dous membros do seu cadro de persoal.

Os sindicatos afirman que “unha empresa como Televés, referente durante moitos anos nas súas relacións coas centrais sindicais e por extensión con representantes das traballadoras e traballadores” vén de despedir dous membros do seu cadro de persoal “que por motivos de saúde tiñan unha limitación física que, até a data dos seus despedimentos, no lles impediu realizar o seu traballo en condicións óptimas segundo o sistema recollido no noso convenio colectivo”.

Comité de empresa e sindicatos denuncian que a empresa non efectuou a adaptación dos seus postos de traballo

Comité de empresa e sindicatos denuncian que a empresa non efectuou a adaptación dos seus postos de traballo de acordo coas súas limitacións “tal e como recolle a Lei de Prevención de Riscos Laborais como se solicitou desde o comité de empresa”.  

Os vindeiros días 29 de novembre e 2 de decembro as persoas despedidas terán no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) un acto de conciliación, “paso previo aos xuízos correspondentes nos que agardamos que a empresa reconsidere os despedimentos e lles ofreza a readmisión nos seus postos de traballo”.

Delegados de persoal do comité de Televés, delegados sindicais das tres centrais representadas anuncian que arrouparán as persoas despedidas.

“Non podemos admitir que sufrir un problema de saúde sexa motivo de despido e moito menos nunha corporación con máis de 700 traballadoras e traballadores que ten unha situación económica saneada e moi solvente”, sinalaron no comunicado.

comentarios